Andaríns do Val do Lérez
Oryctes nasicornis. Escaravello rinoceronte. Escarabajo rinoceronte
O escaravello rinoceronte (Oryctes nasicornis) é xunto a Vacaloura (Lucanus cervus), é o escaravello máis grande de Europa.
ÿ un insecto absolutamente inofensivo, por non facer dano, non o fai nin á madeira da que se alimenta. A pesar do seu tamaño pode alcanzar os 6 centímetros de lonxitude. De aspecto fero, os machos presentan unha especie de corno que recorda enormemente ao dos rinocerontes, teñen un corpo moi robusto de coloración castaña máis ou menos escura e uniforme. O escudo cervical presenta dobras e entalladuras notables.
A larva.
As larvas con aspecto de verme de gran tamaño desenvólvense durante anos en raíces e cachopas mortas, así como en serradoiros, ou bosques onde atope restos de madeira en descomposición material do que se alimenta xa sexa no chan ou escavando galerías na madeira podre. Malia o gran tamaño das larvas, estas non son perigosas. Podéndose atopar larvas deste insecto enterradas no chan xunto a outros vermes brancos.Tarda de tres a cinco anos para se desenvolver ate a súa transformación en pupa que realiza nunha cápsula no chan do tamaño dun ovo de galiña.
Alimentación e forma de vida.
En estado adulto a súa vida é moi curta, de apenas uns meses, e está dedicada á reprodución. Nese período de madurez, o escaravello rinoceronte non se alimenta ou faino ocasionalmente libando zume (savia) dalgunhas árbores, preferiblemente carballos. De actividade nocturna, por desgraza para o escaravello rinoceronte, ten tendencia a voar arredor de farois e fontes de luz, polo que acaba caendo ao chan e morren se finalmente non pode remontar o voo ou é presa dalgún depredador.
Ademais dos depredadores habituais, como raposos, rapaces nocturnas e réptiles, as larvas do escaravello rinoceronte son parasitadas por unha especie de himenóptero (Scolia flavifrons), unha avespa de tamaño grande, acorde ao que posúe o noso protagonista.
Os seus voos son potentes e para levalos a cabo necesita un gran desgaste enerxético, tendo en conta o seu tamaño.
Os machos destes coleópteros presentan unha protuberancia na parte frontal da súa cabeza, un corno que empregan para escarvar na terra e ocultarse dos seus inimigos, así como para loitar entre eles buscando a atención das femias. As loitas soamente pretenden voltear ao contrario e demostrar a superioridade do máis forte.
Destes escaravellos dise que son capaces de mover o equivalente a 800 veces o seu peso, e están incluídos entre os animais máis fortes do planeta, Cando falamos da forza dun animal estamos a comparar que tanto pode cargar un animal en relación ao seu propio peso. (O elefante só pode levantar 1/4 parte do seu peso, as formigas 30 veces o seu peso e o escaravello rinoceronte preto de 850 veces o seu peso).
O escaravello rinoceronte necesita, como outras especies de coleópteros, da madeira morta. Por iso é importante un equilibrio na limpeza e roza dos bosques. A presenza de madeiros mortos, cachopas, raíces podres ou froitos en descomposición é esencial para a vida de moitos seres, algúns deles non moi populares ou desapercibidos ao noso interese, pero tan importantes para a nosa biodiversidade como o son as especies de aves ou mamíferos que todos temos presentes.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.