José Freire
Veritas Veritatis
Calquera cidadán, e moito máis aqueles que teñen deber de contalo que sucede ao seu arredor, como é o caso dun xornalista ou medio de comunicación, teñen a obriga de facelo contando a verdade da verdade.
E vén isto a conto a raíz dun editorial do xornal o Correo Galego de Santiago, do día 3 de outubro, titulado La Policía e o "cidadánFreire", é dicir eu.
No primeiro dos tres parágrafos de que consta, ao tempo que me outorga o título de Secretario Xeral do Sindicato Unificado de Policía en Galicia, acúsame de "denigrar os seus compañeiros de armas" e de "ensombrecer o Día da Policía con denuncias sobre irregularidades na concesión das medallas policiais". O redactor, ou o/a que lle pediu que fixese tal editorial, descoñecen que o cidadán Freire, dende hai catro meses, xa non é Secretario Xeral, nin ten cargo de responsabilidade algunha na Organización.
No Corpo Nacional de Policía non somos compañeiros de armas. Non estamos destinados nin preparados para guerrear. Somos compañeiros de prestación dun servizo público de seguridade, o mellor que podemos e cos medios que dispoñemos. ¡Que mal lles sentou que 25 dos 44 funcionarios policiais da Comisaría de Santiago, incluídos mandos, non acudisen á entrega de condecoracións con motivo do dispositivo desenvolvido polo accidente ferroviario de Angrois!
E non o fixeron porque llelo dixese o cidadán Freire ou o seu sindicato. Fixérono porque viron como se lles outorgaba a cruz ao mérito policial con distintivo vermello, pensionada de por vida, a algúns mandos que non pisaran, nin tan sequera achegado, ás vías do tren, e que o seu "traballo" se limitou a funcións burocráticas. E pola contra a eles que, nun primeiro momento, ignoraban a que se estaban a enfrontar (un atentado, fluído eléctrico na catenaria ou unha explosión), que estiveron durante un tempo no lugar do accidente asumindo ese risco, sendo a súa actuación determinante para salvar un importante número de feridos e retirar os cadáveres, non se lles outorgaba distinción ningunha ou unha de menor importancia e sen pensión.
Como comprenderá o lector, despois de 34 anos de actividade sindical, e varios deles na clandestinidade, estes comentarios, como se di agora en linguaxe vulgar, esváranme, entre outras cuestións, porque ninguén do Correo Gallego coñece a miña traxectoria, nin sindical, nin profesional, nin persoal. Os meus defectos e as miñas virtudes poderían expoñelas algúns xornalistas dos medios de Pontevedra, pero non a persoa que o fixo, e ademais faltando á verdade.
O que recoñezo que me doeu dese comentario, foi a referencia a que "o escenario que debuxa, en honor á verdade, resulta esaxerado". Aínda neste caso, tampouco os mandos burócratas serían acredores ás condecoracións recibidas.
Os que estiveron alí, policías de todas as escalas e categorías, deron o mellor de se, respondendo, de forma inmediata, traballando en primeira liña, cos únicos recursos do seu esforzo e a vontade por recuperar a maior cantidade de vítimas. Foi un traballo incuestionable, de gran profesionalidade, nun marco difícil, cunha gran capacidade de reacción e ordenación dos traballos, sen importar os riscos e sobrepoñéndose a un tráxico escenario. Díxeno nalgunha outra ocasión e vólvoo repetir: son eses os momentos en que o cidadán Freire se sente orgulloso de ser policía e servir a esta sociedade.
Veritas veritatis, señor xornalista. Porqué non contrasta o que lle contan? Ou será que hai instrucións de que ao S.U.P. non se lle publica nada?. E sobre todo, cando redacte unha nota como esta, fágao de forma que non resulte tan evidente que escribe ao ditado dalgún mando policial, que ignora cales son os requisitos que normativamente están establecidos para ser acredor a unha condecoración policial.
Grazas á súa nota estamos a pechar o círculo sobre a identidade dese mando e, despois de que un deles nos confesase a súa inocencia, xa está identificado. E aos funcionarios da Comisaría de Santiago encantaralles sabelo. O que nos imos divertir.
E permítame un consello. Teña coidado que lle pode meter outra como esta e metelo nunha lea de coidado.