José Freire
Participación cidadá
O pasado día 17 de outubro, a Federación de Asociacións de Veciños Boa Vila de Pontevedra rendeu homenaxe ao Corpo Nacional de Policía, coa concesión do premio anual, "Agasallo dos Veciños", á Comisaría Provincial de Pontevedra.
No acto de entrega do Agasallo, a súa presidenta destacou o labor diario da Policía na súa loita contra a delincuencia nas súas diversas manifestacións (terrorismo, crime organizado, inmigración irregular, loita contra as redes que trafican con persoas, contra a droga, etc.).
Foi gratificante ver, non só como se recoñece o labor policial, senón a implicación e participación da propia cidadanía nunha tarefa fundamental para a convivencia como é a seguridade. Iso debe achegar aos funcionarios policiais unha nova perspectiva do servizo que prestan, facilitando a súa adaptación a esas necesidades, para mellorar en eficacia e calidade.
Unha das demandas máis reiteradas, pola cidadanía e os seus representantes, é a presenza policial, xa que teñen necesidade de seguridade e a reclaman. E aquí cabe preguntarse: é a presenza policial que solicita o cidadán a mesma que a Policía lle ofrece?
Ao cidadán ofrécenselle dúas fórmulas para trasladar á Policía a súa inseguridade: cando presenta unha denuncia estao facendo obxectivamente, e cando simplemente demanda a acción policial faino baixo o prisma subxectivo.
No primeiro caso, a Policía reacciona e dispón as medidas para resolvelo, adoptando as que sexan máis convenientes para que non volva suceder.
No segundo, cando un cidadán traslada unha petición por un determinado problema de inseguridade, estanos a indicar, dunha forma simplista, o que necesita para que ese problema se solucione. E digo simplista porque descoñece os mecanismos e os factores que inflúen na delincuencia e acode á fórmula máis elemental e que mais se ve, a presenza policial.
Os policías son os profesionais da seguridade e, en boa lóxica, os capacitados para ditaminar cal é a solución máis axeitada ao problema de inseguridade formulado. Con isto non quero dicir que o cidadán non saiba o que quere.
Todo pasa pola verdadeira interpretación do que o cidadán quere transmitir. E esta non é outra que coñecer as causas que provocaron esa inseguridade subxectiva. Unha vez coñecidas, poderanse buscar as solucións máis eficaces, que non sempre ten que ser a presenza policial. Como ben se sabe, esta presenza pode existir sen que sexa visible.
Débese utilizar como instrumento disuasorio e preventivo, intentando con iso solucionar os problemas de inseguridade, tanto obxectiva coma subxectiva, impedindo a actuación do delincuente e disuadíndoo do seu propósito.
Pero é conveniente resaltar que, só se alcanzará certo grao de prevención, cando se utilice a estatística da criminalidade para indicar onde, cando, como se delinque, e cales son as necesidades dos cidadáns ao respecto (lugares, horas, días e actividades nos que se senten máis inseguros).
Por iso, a participación do cidadán debe formar parte dos instrumentos de análise para a planificación dos servizos, co fin de que respondan aos factores obxectivos e subxectivos que inciden na inseguridade.
E deste xeito, non só a Federación Boa Vila, senón todos os cidadáns de Pontevedra, sentirán esa comuñón coa súa Policía, en prol da prestación dun mellor servizo público nunha área tan importante para o seu benestar como a seguridade.
Nestes tempos en que o labor policial se mira con lupa e non se atopa exenta de certas críticas, a pesar do gran servizo que está a prestar, agradécese que un grupo de veciños a recoñezan. Grazas por iso.