Andaríns do Val do Lérez
Supersticións sobre os urodelos (anfibios con cola) que podemos atopar preto de Pontevedra
Existen supersticións que dan mala fama sobre todo ás píntegas: "que se teñen resistencia ao lume", ou incluso "que saen do propio lume" , como se de seres infernais se tratara. A maiores se lles adxudica un terrible veleno ou "pezoña", que non teñen, e que incluso "cho poden transmitir a distancia mediante un aire" que te pode contaxiar todo tipo de doenzas. Para contrarrestar estes posibles perigos fóronse inventando unha serie de prácticas, ensalmos e amuletos que nos poden defender destes animais clasificados como maléficos, cando do que se trata é dunhas especies moi beneficiosas para o equilibrio dos ecosistemas acuáticos e boscosos.
Si é certo, que algunhas especies de anfibios dispoñen de glándulas cutáneas que poden exudar, cando se lles molesta, substancias irritantes, sobre todo para as mucosas (ollos, boca,..), que utilizan a modo de defensa para poder escapar dalgún depredador. Por iso, se tiveramos que manipulalos, no caso dalgún estudo, logo débense lavar moi ben as mans para evitar problemas de lixeiras alerxias. O correcto é non molestalos, e se queremos ter un recordo deles, fotografalos e deixalos ir ao seu.
A píntega ten unha coloración que advirte de que pode ser velenosa (na natureza certas combinacións de cores vivos advirten da posibilidade de ser velenoso) o que lle dá certa protección visual ante posibles depredadores que lles avisa dun bocado pouco apetecible.
Non obstante os depredadores naturais dos anfibios son as cobras, algún mustélido, aves acuáticas... Outros posibles depredadores como os raposos, gatos e cans, todos eles en estado xuvenil (con pouca experiencia), poden tratar de atrapar algunha píntega adulta. Entón entre o sabor pouco apetecible e o efecto irritante, o cospen rapidamente e aprenden a rexeitalos. No ser humano, agás das posibles irritacións xa mencionadas ou algún problema que se poida dar por alerxia, o veleno dos anfibios non é perigoso.
Nos queda o caso dos limpafontes (tritóns), anfibios urodelos que algunhas persoas descoñecen e metenas no mesmo saco que a píntega, adxudicándolle tamén todas as inxustas propiedades descritas. Pode influír neste rexeitamento a mala interpretación dun dos nomes populares, "pintafontes", pensando que contaminan as fontes e pozas onde viven. A realidade é todo o contrario por iso, se utilizamos o outro nome popular "limpafontes" a cousa cambia. Témoslle escoitado a xente dicir "se lles chaman limpafontes, malos non serán...". Por exemplo axudan a controlar o exceso de larvas de mosquitos nas augas onde habitan.
A ignorancia e o rexeitamento ancestral fai que todos estes anfibios urodelos (con cola) os chamen "sabandixas" e sobre todo a xente maior coñecedora e transmisora das supersticións que aquí mencionamos, traten de matalos pois os consideran "alimañas prexudiciais" que hai que erradicar.
Para comprobar a persecución á que se someten estes marabillosos espécimes só tendes que facer unha busca da palabra "sabandixa, sabanduxa ou sabandija", na R.A.E vos atopades coa seguinte definición: "Reptil pequeño o insecto, especialmente de los perjudiciales y molestos...", "Figuradamente.- Persona despreciable".
Pensamos que o verdadeiramente desprezable é que a nivel do que é a Educación Ambiental deste pais non se lograra desbancar todas estas crenzas que veñen de antigo e que deberon de quedar no caixón dos mitos, supersticións e lendas.
Vémonos no monte.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro membros da Asociación Andaríns do Val do Lérez.