José Freire
O Superaxente 086
España é un dos países da Unión Europea coa maior taxa de policías por habitante. Existen preto de 300.000 funcionarios da seguridade pública nos diferentes corpos policiais: Policía, Garda Civil, policías autonómicas, policías locais, Vixilancia Aduaneira...
Isto non significa precisamente maiores cotas de seguridade, o que ven a amosar que este modelo, asemade de resultar máis caro para o cidadá, non é o máis rendible en canto a resultados.
Xa o manifestei en máis dunha ocasión neste mesmo medio. Non existe coordinación entre os distintos corpos de seguridade o que repercute negativamente na seguridade cidadá.
O actual modelo de seguridade non pode manterse por máis tempo, a non ser que se queira ter unha seguridade mediocre, asimétrica, mal formulada e peor coordinada. A existencia de varios corpos de policía, con clara tendencia á endogamia, debe obrigarnos a reaccionar e levar a cabo unha clarificación de competencias e simplificación de corpos, tendo en conta a realidade actual na materia delituosa coa súa globalización.
ÿ absolutamente necesario, por razóns de economía, congruencia e eficacia, simplificar e racionalizar os corpos de seguridade pública existentes.
Correspóndelles aos partidos políticos, con representación parlamentaria, o artellar as iniciativas lexislativas para rectificar o rumbo.
E namentres, hai que ir solucionando os problemas de coordinación que a cotío se presentan no traballo diario dos corpos policiais, sobre todo no que atinxe á coordinación e colaboración entre eles.
Casos como o protagonizado por un axente da Policía Local de Poio, que estivo a piques de desbaratar un arduo traballo, de moitos meses, dunha unidade da Comisaría de Pontevedra, na loita contra o Crime Organizado, non deben ocorrer.
Unha conduta que non se debeu unicamente a un exceso de celo profesional, senón precisamente a un claro incumprimento da debida colaboración e cooperación á que está obrigado con outros corpos e forzas de seguridade.
E a pesar de que o Concello de Poio tivo que deixar sen efecto a denuncia, non adoptou medida algunha para que isto non volva a suceder, non sendo a primeira vez que este axente, que ten moita similitude co famoso Axente 086, deixa en ridículo ao Concello e ao seu Alcalde.
Os máis vellos lembrarán aquela serie de televisión, Axente 086, que narraba as aventuras dun axente, moi torpe, que traballaba para unha axencia secreta do goberno norteamericano. As súas accións estaban encamiñadas a frustrar os plans doutra organización. O máis sorprendente da serie e que, a pesar da súa torpeza, conseguía saír airoso das súas misións.
Sr. Alcalde: recicle a este Axente. Amóselle a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade; a Lei de Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Vial; reúna a xunta de seguridade e fagan pedagoxía sobre a relación con outros corpos e forzas de seguridade. Pero non deixe continuar a cousa como se nada tivera pasado, xa que, en vez de coñecerse Poio polo seu Mosteiro, as súas praias e paisaxes ou a súa gastronomía, ou será polo seu Axente 086.