Elena Varela
25 de novembro, todo o ano e toda a vida
Imaxinen unha vida plena. Unha vida cargada de soños, de metas, de ilusións, de éxitos, de amor, de ledicia, de oportunidades E que de súpeto, alguén entre pola porta e o estrague todo.
Imaxinen unha filla, unha nai, unha irmá, unha avoa, unha amiga que de repente deixa de respirar. E que ao final, deixa tamén de vivir.
Sei que moitas/os de vostedes non teñen que imaxinalo. Sei que por desgraza, son moitas as vidas plenas truncadas. Arrebatadas sen dereito. Enterradas.
E saben quen ten a solución? Todas e todos nós.
Este problema non se soluciona soñando, nin rogando, nin tapando os ollos. Isto soluciónase con conciencia. Con coherencia. Con humanidade.
Isto soluciónase con políticas de igualdade reais, con feminismo na escola, no instituto, na universidade, no traballo.
Saben o que decepciona ver que tras tanto tempo de loita seguimos educando do mesmo xeito? Nos mesmos conceptos patriarcais e machistas de sempre. Nas mesmas conviccións de xénero que encadran ás mulleres na posición débil e inferior.
Saben o que decepciona ver a xente da miña idade tendo condutas machistas? Nacimos hai vinte anos e pensamos igual que hai oitenta.
Nas nosas mans está a transformación social. E mañá é tarde para comezala. Pensemos, reflexionemos e cambiemos a nosa forma de educar, a nosa forma de enfrontar a vida. Aínda que custe, aínda que non sexa o máis cómodo, aínda que para iso teñamos que cambiar de arriba a abaixo a nosa forma de vivir.
Mañá é tarde. Podemos ser unha menos.