Antón Masa
A APDR esixe a solución definitiva ao tratamento dos vertidos á ría
Diante da denuncia da Unión Europea ao estado español polo risco que os vertidos á Ría están a causar na saúde, desde a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) que ten denunciado esta situación diante da Unión Europea hai xa once longos anos- queremos facer pública a nosa posición ao respecto.
En primeiro lugar, e aínda que non tivemos ningunha comunicación expresa, entendemos que esta denuncia da UE ten moito que ver coa denuncia interposta pola APDR, que facía referencia aos vertidos das augas residuais urbanas a unha zona sensíbel como é a Ría de Pontevedra; o feito de termos recibido hai uns meses comunicación da UE no sentido de que en breve teriamos noticias sobre o particular, fainos reafirmar nesta posibilidade.
Por outra banda, queremos puntualizar que contrariamente ao que recollen os medios de comunicación- as augas residuais urbanas ás que fai referencia a denuncia, non son só aquelas procedentes dos vertidos domésticos, senón todas aquelas augas industriais que saen á Ría mesturadas con augas domésticas, o que inclúe evidentemente aos vertidos do complexo industrial ENCE-ELNOSA.
Debemos indicar tamén que, a pesares de ter solicitado en numerosas ocasións datos ao respecto, descoñecemos os parámetros de vertido da depuradora de Os Praceres; sabemos, iso si, que parece ter problemas cos niveis de nitróxeno e fósforo e que está a funcionar de xeito correcto no que á depuración bacteriana se refire. E sabemos tamén que o emisario submarinho ten deixado de realizar correctamente a súa función, xa que desde hai algún tempo está partido, quedando inutilizada a parte correspondente aos difusores, xusto aquela parte que ten algunha función no proceso do tratamento das augas de vertido.
Xa que logo, a presenza na Ría elevadas concentracións de nitróxeno, fósforo e coliformes ás que por forza ten que facer referencia a denuncia da UE- é responsabilidade conxunta das depuradoras que verten na Ría, daqueles Concellos que aínda non depuran as súas augas de vertido, e do complexo ENCE-ELNOSA que non debemos esquecer- segue a verter na Ría uns 40.000 metros cúbicos diarios, un volume de vertido moi superior ao procedente da depuradora de Os Praceres e que tal como se recolle nos datos facilitados pola Xunta de Galicia e Augas de Galicia- conten elevadísimas concentracións de materia orgánica e coliformes.
Desde a APDR esiximos máis unha vez que se tomen as medidas oportunas para evitar de unha vez por todas esta situación, aplicando as oportunas sancións aos responsábeis dos vertidos e que se impida por todos os medios que esta situación, que pon en evidente perigo a saúde das persoas e os postos de traballo da xente do mar, continúe por máis tempo.
Neste sentido, a depuración de todos os vertidos á Ría, a mellora do funcionamento das estacións depuradoras hoxe existentes, e a eliminación dos vertidos de ENCE e ELNOSA, son actuacións indispensábeis para conseguir este obxectivo.
Xa por último, queremos chamar a atención sobre a irresponsabilidade que suporía a concesión dunha prórroga a ENCE no seu actual emprazamento, unha prórroga que poñería fin, de forma definitiva, ao saneamento e recuperación da nosa Ría e á explotación racional dos recursos pesqueiros e marisqueiros.