Julio C. Piñeiro
Carteleira de Nadal: entre blockbusters e Oscars
Onte mesmo, a Asociación da Prensa Estranxeira de Hollwood (HFPA) anunciaba as candidaturas aos seus celebérrimos Globos de Ouro. Queda xa inaugurada, por tanto, a tempada oficial de galardóns das industrias anglosaxonas de cine e televisión (aínda que a esta última sempre a collan coa súa propia tempada a medias e agarden a setembro para dictar o seu verdadeiro veredicto, o propio, cos Emmy), que continuará por unha morea de círculos de críticos, gremios profesionais de audiovisuais, os BAFTA ingleses e finalmente, a finais de febreiro, os aínda máis famosos Oscar. Todo un chiringuito de "denominacións oficiais de calidade", garantías de recadación aseguradas e todo unha trastenda de negocio cinematográfico na que ningún quere perder a súa parte do pastel.
Hoxe mesmo, chega tamén ás pantallas de medio mundo El hobbit: un viaje inesperado, primeira parte da agardadísima adaptación da primeira novela na que Tolkien construiu ese agora tan popularizado universo máxico e épico da Terra Media, que eclosionaría máis tarde coa triloxía de O señor dos aneis, conxunto fundamental da literatura fantástica no século XX. Once anos despois da estrea da primeira entrega da adaptación da triloxía, Peter Jackson retoma finalmente, tras moita espera e conflicto legal polo medio (co mexicano Guillermo del Toro, co-guionista, soando para a dirección en máis dunha ocasión), a ambiciosa labor de recrear (en dúas entregas, seguindo una práctica narrativo-comercial cada vez máis habitual nas franquicias finitas) ese mesmo universo que o fixo famoso (e multimillonario) co reto de volver convencer a un público tornado máis maduro e esixente no terreo, sobre todo dende a irrupción de George R.R. Martin e a súa propia saga de fantasía épica, Canción de xeo e lume, e sobre todo, coa súa conversión en imaxe, pero agora xa nun medio máis avanzado, explícito e con maior lapso para o desenvolvemento argumental como é a televisión, coa serie Juego de tronos, que en 2013 verá estreada a súa terceira tempada.
Pois esas foron, son e serán básicamente as liñas que definan a programación das salas cinematográficas no Nadal: blockbusters multitudinarios e os títulos que darán que falar na tempada de premios. Nalgún que outro momento da historia do cine, estes dous conceptos confluían, caso precisamente da última entrega da triloxía de Peter Jackson, que igualou, con 11 Oscars, os rexistros de Ben-Hur (1960) e Titanic (1998). Pero esta vez, non parece dende logo que vaia se-lo mesmo caso. A medida que a intensa chama inicial de El hobbit se vaia esvaecendo pouco a pouco, as diferentes candidatas a "película do ano" segundo os estándares académicos irán pedindo o seu turno para convencer tamén aos públicos de todo o mundo. Dende froitos de Sundance como Las sesiones ata reinvención de clásicos como o musical Los miserables, de Víctor Hugo (da man de Tom Hooper, gañador do Oscar en 2011 por O discurso do rei), pasando polo controvertido relato sobre a Igrexa da Ciencioloxía que realiza Paul Thomas Anderson (Magnolia, There will be blood) en The Master, ou o seguimento en clave de thriller da operación que acabou, segundo a historia oficial, coa vida de Osama Bin Laden o 1 de maio de 2011, en La noche más oscura, de Kathryn Bigelow, primeira muller gañadora do Oscar á mellor dirección, en 2010, por The hurt locker, derrotando precisamente ao filme co maior exito comercial ata o momento, Avatar, un blockbuster navideño (e para máis inri, obra do seu ex-marido, James Cameron).
Polo tanto, vemos que a historia é cíclica. Só agardemos que o precario estado da oferta cinematográfica na cidade de Pontevedra non impida, ao que quiera, disfrutar dunha serie de títulos non moi pomposos a nivel mercadotécnico, pero cun selo de calidade que, aínda que interesado, promete un mínimo de confianza. A outra opción é ficar na casa, aforrar cartos (pois non están moi abundantes as carteiras nin asequibles as entradas), quedar quentiños e ver, por enésima vez, clásicos destas datas como Que fermoso é vivir, A gran familia, Só na casa ou O príncipe de Zamunda. Que por algo estamos en festas.
14.12.2012