Andaríns do Val do Lérez
Ra patilonga. Rana ibérica. Rana patilarga
Especie: De cor variable predominando máis os tons pardos, aínda que tamén se pode atopar de cor ocre ou avermellado, e pintas ou manchas escuras no dorso. Nos solos cubertos de follas pode pasar bastante desapercibida.
Nos laterais da cabeza presenta unha mancha escura, a modo de anteface dende o fociño ate a altura das extremidades dianteiras.
Hábitat: Ten preferencia por regatos e ríos rápidos e de auga fría con boa cobertura vexetal nas beiras, aínda que tamén podémola atopar en charcas, lagoas ou en terreos moi húmidos e asolagados.
Curiosidades: Recoñecémola polo tamaño das extremidades traseiras, xa que son máis longas que en outras especies (se lle estendemos as extremidades traseiras cara a cabeza podemos apreciar como o talón supera a punta do fociño). Tamén porque posúe unhas grandes palmaduras interdixitais, o tímpano é máis pequeno co ollo, tendo a gorxa pigmentada cunha liña central clara. Debemos lembrar que non se deben coller nin manipular por ser animais que están protexidos.
Ameazas: Está afectada pola contaminación e alteración dos ríos e hábitats que frecuenta, pola construción de mini centrais, polas plantacións de eucaliptos e outras árbores como as robinias, acacias ... e a introdución de fauna exótica. E unha especie protexida.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro membros da Asociación Andaríns do Val do Lérez.