Andaríns do Val do Lérez
Os cabaliños do demo ou Gaiteiros confúndense a miúdo coas libélulas
Os cabaliños do demo ou Gaiteiros confúndense a miúdo coas libélulas. Ambos os dous grupos son diferentes; os Cabaliños do demo manteñen as ás xuntas, pegadas ao corpo, cando están en repouso, mentres que as libélulas as manteñen separadas horizontalmente ou lixeiramente inclinadas cara a abaixo e cara a adiante; ambas as dúas subordes teñen dous pares de ás, nas libélulas o segundo par é máis ancho que o primeiro e nos cabaliños do demo o ancho nos dous pares de ás é similar. Os ollos tamén difiren, mentres cos dos cabaliños do demo están separados, os das libélulas están practicamente xuntos. Os cabaliños do demo posúen corpos máis delgados e son máis fráxiles no seu voo. Ambos os dous posúen ciclos vitais similares.
O ciclo de vida das libélulas, dende a fase de ovo ata a morte en idade adulta, abrangue entre seis meses ata seis ou sete anos. As libélulas femias poñen os ovos en ou preto da auga, a miúdo nas plantas flotantes ou emerxentes. Cando algunhas especies están a poñer os ovos na auga, somérxense por completo co fin de poñelos nunha boa superficie. En ocasións, as femias poñen ovos entre as pequenas gretas do barro ou mofo. Os ovos eclosionan en ninfas ou larvas. Mentres que están na etapa de ninfa aliméntanse de larvas de mosquitos. A maior parte da vida dunha libélula transcorre en forma de ninfa, por debaixo da superficie da auga, usando mandíbulas extensibles para capturar outros invertebrados ou mesmo vertebrados como cágados e peixes. Respiran por branquias situadas no seu recto, e rapidamente poden impulsarse pola auga utilizando un chorro de auga que de súpeto expulsa polo ano.
Algunhas ninfas cazan na terra, unha capacidade que doadamente podería ter sido máis común na antigüidade, cando os depredadores terrestres foron máis torpes.
A etapa larval da libélula de gran tamaño pode durar ata cinco anos. Nas especies máis pequenas, esta etapa pode durar entre dous meses e tres anos. Estas ninfas coñécense en galego co nome de besbellos.
Cando a larva está lista para metamorfosearse nun adulto, sobe por unha cana ou unha planta emerxente. A exposición ao aire obriga á larva a iniciar a respiración traqueal.
A pel ábrese nun punto débil detrás da cabeza e o adulto libélula arrástrase fóra da súa pel larval, quedando esta última pel (exoesqueleto) do besbello valeira, coñecida co nome de exuvia. Logo a libélula adulta move as ás de arriba abaixo, e voa a alimentarse de mosquitos e moscas. En voo, a libélula adulta pode impulsarse en seis direccións: arriba, abaixo, adiante, atrás e de lado a lado. A etapa das adultas (voadora) das especies máis grandes da libélula pode durar ata cinco ou seis meses. Aparéanse, as femias poñen os ovos e morren. Cando eclosionan os ovos comeza un novo ciclo para a súa descendencia.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro membros da Asociación Andaríns do Val do Lérez.