Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 17ª xornada
Nesta xornada vímonos todos asombrados pola suspensión do partido que se debería xogar en Pasarón entre o Pontevedra e o Villalonga. A noticia sorprendeu a todo o mundo futbolístico e non futbolístico pola inaudita decisión da "Xuíza" única da Federación Galega de Fútbol, ao comunicar a ambos os dous clubs na tarde do venres que, ante a posibilidade de chuvias para o próximo domingo, o partido quedaba suspendido.
O máis curioso é que en ningún momento se lle consultou ao Villalonga e a "Xuíza", co amparo duns artigos da Real Federación Española de Fútbol, tomou a decisión, resultando ser o único partido suspendido na comunidade galega.
Estamos ante unha decisión surrealista e que, polo menos no concernente a este deporte, senta un precedente que outro equipo pode utilizar ante calquera inconveniente.
Pero isto non é todo, o pleno da "Xuíza" non remata aquí, dado que acertou, como o certifica o que a un quilómetro escaso de Pasarón tampouco se xogou o Pontevedra-Laredo, de división de honra xuvenil. Iso si, neste caso ninguén do Pontevedra C.F. púxose en contacto coa Real Federación Española de fútbol para que, ante a posibilidade de que as chuvias non permitisen o desenvolvemento do partido, fose suspendido e deste xeito evitar unha viaxe un pouco máis longa que a que terían que realizar os xogadores e afeccionados do Villalonga.
O que si se confirma é que a borrasca Nicky foi implacable coa bisbarra próxima ao río Lérez, tanto como a "Xuíza" co Villalonga. A pregunta que se fan moitos afeccionados do Pontevedra é se o club ten dirixentes ou só empregados, xa que unha vez máis a imaxe deste histórico club foi posta en dúbida.
Vaiamos aos resultados da xornada e as súas consecuencias. De entrada o partido de dous dos grandes estivo marcado pola expulsión de Comesaña, no minuto 26, con 0-1 no marcador, e con esa vantaxe xogou o Celta B para darlle a volta ao marcador na segunda parte e levarse os tres puntos, recortando deste xeito a diferenza entre o intratable Rácing de Ferrol e os seus perseguidores.
Non fallou o Deportivo B no Salvador Otero, confirmándose como un firme candidato ás posicións de máximo valor. A falta de dúas xornadas para rematar a primeira volta xa empézanse a marcar diferenzas entre os candidatos e os demais.
A anécdota da semana produciuse en Vista Alegre, no enfrontamento Ordes-As Pontes, onde o xogador local CABREJO anotou o seu segundo gol da tempada dende o seu propio campo.
Como partido da xornada para o próximo fin de semana designamos un duelo entre veciños e aspirantes, Somozas-As Pontes, situados na clasificación ao axexo das catro primeiras posicións como quinto e sexto clasificado.
REXIONAL PREFERENTE
Para nada decepcionou o noso partido da xornada, Areas-Gondomar. Houbo goles, emoción, alternativas no marcador, xogadores expulsados e moita, moita tensión. Ata sete foron os goles materializados, destacando os tres de Carlitos, que o sitúan pichichi da categoría. Diciamos a semana pasada que chamaba a atención que un aspirante ao ascenso encaixase tantos goles, pois ben, fiel a este dato nesta ocasión volveu encaixar outros tres goles.
Por fin apareceu o Arosa, e fíxoo ao grande cun 1-4 en Calabagueiros ante todo un C.D. Barco. Unha vitoria que o sitúa a oito puntos da cabeza e aínda sen dicir a súa última palabra. Os arousanos conseguen por fin a tan ansiada segunda vitoria consecutiva e a posibilidade de ampliar o refacho dado que reciben o último, que esta semana foi noticia ao gañar por primeira vez nesta campaña.
O que volveu fallar e deste xeito se afasta dos seus obxectivos foi o Ribadumia. Cando parecía que empezaba a reaccionar perde en Verín por un contundente 3-0 quedando a unha distancia importante de 13 puntos.
Pola cola destaca que ningún dos catro últimos perdeu.
Na próxima semana o partido da xornada está moi claro, un Xuventú de Sanxenxo-Portonovo S.D., dous equipos cunha rivalidade propia de pertencer ao mesmo municipio e que están situados na parte nobre da clasificación.
17.12.2012