José Freire
Torrente 6: Operación Códice
Coido que a maior parte dos lectores puideron ver, ou polo menos ter referencias, da coñecida Saga de longametraxes coñecida como Torrente. Ata 5 foron as Operacións que levou a cabo o super-policía Torrente, con historias e situacións que a duras penas teñen sentido fóra do mundo creado nuns estudos de gravación e onde a realidade transcorre en termos antitéticos aos dunha sociedade ideal, representando unha sociedade hipotética indesexable.
Din os críticos que Torrente 5 é sen dúbida a mellor das últimas tres entregas e deixa a saga nunha situación argumental o suficientemente estraña como para esperar calquera cousa da sexta entrega e do baúl de xoguetes de Santiago Segura.
Máis coido que non está todo perdido. Humildemente, atrévome a suxerilo ao cineasta que non dea por pechado o ciclo. E se existe un argumento para espertar as gargalladas apelando aos instintos máis básicos, satíricos e esperpénticos do mundo actual, este pode encontralo en todo aquilo que tivo que ver coa subtracción do Códice da Catedral de Santiago.
Imos botar a voar a nosa imaxinación a ver se somos capaces de elaborar un guión.
Un bo día, alá polo verán de 2011, salta a noticia de que foi subtraído o Códice Calixtino, manuscrito do século XII, da Catedral de Santiago. Pronto xorden as especulacións sobre a posible autoría. E, como nas grandes películas, todo apunta a coleccionistas, ladróns de arte, grupos organizados....Y ponse en funcionamento a gran e experta maquinaria policial. Funcionarios moi curtidos na materia chegan dende Madrid para dar co ou os autores.
Mentres isto acontece, concretamente aos tres días de suceder o feito, un funcionario de policía, deses que patrullan as rúas de Santiago, identifica o sospeitoso, un antigo electricista da Catedral, e que recentemente fora expulsado do Seminario, onde traballara igualmente como electricista. Cumprindo coa súa obriga, este funcionario facilita esa información verbalmente e por escrito aos seus superiores, participándolles así mesmo extremos tales como propiedades (nunha delas apareceu o Códice) ou o alto nivel de vida que levaba (pagaba cafés aos veciños con billetes de 50 euros e mesmo de 500). Esta información tamén lle foi facilitada aos expertos investigadores de Madrid.
Un ano máis tarde, despois de arduas e laboriosas investigacións, estes expertos, xunto con Torrente, chegan á identificación do autor da subtracción. E a que non saben quen era?. Efectivamente. O mesmo que lles dixera o Policía da escala básica un ano antes.
Pero en toda película que se prece, hai dous elementos que non poden faltar: o diñeiro e as relacións humanas.
E neste guión aparece unha maleta con 600.000 euros. Aquí Torrente saca a relucir as súas mellores argucias e armas profesionais para desenmascarar o sospeitoso. O diñeiro aparece nunha maleta, situada nun lugar que fora rexistrado con anterioridade por orde xudicial. E localízase despois de recibir dúas chamadas dunha veciña do inmoble por culpa duns canarios que quedaran sen comer nin beber, e na terceira xa advirte da presenza dunha maleta situada no patio. E comparece Torrente solicitando dos veciños algún utensilio con que poder subila, usando para iso unha serra, tras quitarlle a folla de cortar. Forzou o cadeado e ao ver o diñeiro pediu os veciños unha cámara fotográfica. Torrente non adoita levar consigo este tipo de aparatos. Tras realizar a correspondente reportaxe fotográfica, levouse a tarxeta de memoria. Contou os cartos á man e como non lle cadraban as contas, tivo que facelo varias veces.
E preguntaranse algúns, ¿non hai rapaza nesta trama?. Pois non. Aquí só hai homes. Non podemos esquecer que se trataba dun centro relixioso, onde non ten cabida o xénero feminino. Nin tampouco sindicatos que puidesen intervir nas relacións laborais entre o presunto autor e o cóengo que parecía o seu xefe directo. Nin funcionarios de Facenda que puidesen investigar de onde saíu tanto diñeiro, qué control había sobre este e quen e como se xestionaba.
Advertencia: os feitos e personaxes narrados nada teñen que ver coa realidade, ¿ou tal vez si?.