Andaríns do Val do Lérez
Lagarta galega. Podarcis bocagei. Lagartija de bocage
Especie: Lagarta de tamaño medio, dunha coloración formada por bandas ou liñas verdes, negras e amarelas, cos laterais de cor pardo. Nas femias a cor predominante é o marrón con bandas negras e amarelas.
Na zona ventral a cor vai dende o amarelo ao laranxa, máis escuro e intenso na época de celo.
Hábitat: Ocupa moitos tipos de hábitats como zonas rochosas, areais, muros vellos, cantís e zonas rochosas costeiras, terreos forestais, camiños degradados, mesmo habitando en calquera pobo.
Tamaño: Miden entre 5 e 7 Cm cabeza + corpo, e entre 10 e 13 Cm máis de cola.
Curiosidades: Lagarta que pode abandonar a hibernación os días de inverno máis sollíos, volvendo a hibernar cando non hai a calor suficiente.
Podémola atopar en zonas sombrizas e húmidas dos nosos vales e bosques.
Especie endémica do noroeste peninsular.
Ameazas: Os incendios forestais, a construción de máis pistas forestais ou mesmo o ensanche das existentes.
Especies parecidas ou posibles confusións: Pódese confundir coa lagarta dos penedos, aínda que se nos fixamos ben podemos apreciar que na parte dorsal non ten unha cor tan verde como na lagarta galega. Nos machos é máis doada a diferenza pois na dos penedos non ten as liñas vertebrais tan definidas, a parte ventral soe ser de cor branca ou crema, e na gorxa non ten o punteado tan intenso como na lagarta galega.
'Réptiles que podemos atopar preto de Pontevedra'. Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro membros da Asociación Andaríns do Val do Lérez