Elena Varela
Hai feminismo despois do 8 de marzo
Como cada oito de marzo, vimos de conmemorar na nosa sociedade o Día Internacional da Muller. Pero como sempre, a repercusión desta data segue sendo insignificante para moitas persoas e a memoria das cento corenta e seis mulleres que morreron no incendio da fábrica de camisas Triangle Shirtwaist de New York segue sen ser honrada.
A maioría das vítimas daquel incendio eran mulleres novas e inmigrantes que debido as penosas condicións nas que traballaban, perderon a vida entre aquelas catro paredes. Naquel incendio ficaron para sempre cento corenta e seis historias de vida, con ideas, con soños, con desexos. Alí se esvaeceron cento corenta e seis persoas que non eran consideradas como tal, senón como escravas dun sistema machista e patriarcal que asinou as súas sentenzas de morte o día que saíron das entrañas das súas nais.
Pero despois de máis dun século resulta intolerable que sigamos loitando pola igualdade entre mulleres e homes. Despois dun século aínda non acadamos un igual salario, aínda non decidimos sobre os nosos propios corpos e aínda nos violan e nos matan diariamente. No camiño perdemos a moitísimas compañeiras. Compañeiras que polo feito de nacer muller, tiveron que esforzarse extremadamente máis para alcanzar o respecto dunha sociedade que tapa os ollos ante o machismo. Porque cambiar as cousas despois dun século sería demasiado utópico. Porque precisamos máis mortes, máis violacións e máis ataques directos á dignidade das mulleres para que creamos que existe un problema real. E non só para crelo, senón para arrancalo dende a raíz e esnaquizalo para sempre.
Por esas cento corenta e seis mulleres e por tódalas que berraron, sufriron e morreron a mans do patriarcado, seguiremos loitando como cada oito de marzo; como cada intre da nosa vida. Porque despois do Día Internacional da Muller, vén un ano enteiro.