Beatriz Suárez-Vence Castro
Xuventude interesante
Ten a mirada limpa e azul. Cando a profesora lle pregunta por que se apuntou ó Obradoiro de Escritura Creativa contesta que foi porque sempre lle chamou a atención a figura do escritor e quere aportar algo á Escritura que sexa de seu: Facer algo creativo coa sua imaxinación.
O resto dos alumnos preguntámonos, canto tempo abarcará para el a expresión "de sempre" porque só ten catorce anos. Podería ser fillo de todos os que estamos na clase. Escoita con moitisima atención o que dicimos, sen saber todo o que el nos aporta cada vez que le un dos seus exercicios. Aínda é humilde e está desexoso de aprender dos demáis.
Miguel forma parte dese outro grupo de rapaces. Do grupo do que se fala pouco porque parece minoría, pero que existe nun número maior do que pensamos. Xente nova que ten o mellor das dúas xeracións: a súa e a dos seus paí, a que utiliza as novas tecnoloxías coma quen bebe un vaso de auga e tamén e quen de gozar do tacto e olor dun libro novo.
Parte do seu tempo libre adícalo a escribir polo mero placer de facelo sen pensar para que lle vai servir na vida porque, de feito, xa lle serve de moito.
Raquel é unha moza da mesma idade que Miguel, espelida, alegre, que representa nin máis nin menos os anos que ten. Gústalle debuxar, quedar coas suas amigas, as cores vivas e, sobre todo, ler e escribir. Xa gañou algún concurso de relatos e ten clarísimo que, de maior, quere ser periodista e escritora.
Marta e Alejandro van polo mesmo camiño que os seus compañeiros de xeración. Ela levou o primeiro premio no concurso Lingua de Namorar, promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación e Cultura. O certame premiaba a elaboración, orixinalidade e calidade lingüística dos traballos presentados.
O cartel que deseñou Alejandro foi escollido como imaxe para a XIX mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo. ÿ estudiante de cuarto da ESO.
Todos eles son adolescentes interesados na cultura: unha especie que, por moito que nos digan o contrario, existe e non está en perigo de extinguirse. Teñen idade suficiente para decidir por eles mesmos e, igual que os seus compañeiros, teñen toneladas de información diaria que vén ordenando coa axuda de pais e mestres.
Non é verdade que a adolescencia de hoxe sexa peor que a que nós tivemos, mais chea de perigos e poboada de rapaces que teñen todo e non gozan de nada. Os perigos son distintos pero non peores. As ganas de facer cousas interesantes son as mesmas que antes pero con máis medios ao seu alcance.
Pontevedra non é so unha cidade de botellón e pipas. O programa de Noites Abertas pon ó alcance dos mozos actividades lúdicas máis que suficientes para satisfacer as mentes máis inquedas e practicar deportes diferentes ós habituais.
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil estará funcionando na nosa cidade ata o 23 de marzo. O libro serve nas suás instalacions como vehículo para acercar os nenos á Ciencia, á Música, ó Teatro E non só para cativos. Ademáis dos colexios, pódese participar a nivel particular. Os obradoiros son interesantes para toda a familia. ÿnchese a diario e cada ano conta con máis forza.
Os adultos non temos o monopolio da cultura, das ganas de encher a nosa vida de coñecemento. Nin toda a xuventude pasa as horas mortas mirándose no espello. Hai unha nova xeración, xente moi nova con moitisimo talento, interesada na vida e interesante.
Ogallá o derrotismo que as veces temos os adultos non sexa unha enfermidade contaxiosa que lles faga perder a ilusión. Ogallá que o próximo que veña a repartir as cartas no eido da Educación faga que as cousas melloren cando a xeración que agora está nos institutos non teña que pelexar con outra cousa que non sexan os libros, cando cheguen á Universidade ou ós Ciclos de Enseñanza Superior.
Cualidades teñen dabondo.