José Freire
Policía europea
Se ben é certo que xa existe un organismo chamado Europol, este non deixa de ser unha mera oficina encargada de recoller e analizar as informacións e que serve de enlace entre a propia organización e as distintas policías dos estados membros. O seu traballo céntrase en almacenar información, facilitar a investigación e xestionar unha serie de competencias. Máis non estamos a falar dun verdadeiro corpo policial.
Se a cuestións como o tráfico de substancias estupefacientes, a trata de seres humanos, o tráfico de vehículos roubados, branqueo de cartos ou actividades delituosas internacionais, lle engadimos a inmigración clandestina e o terrorismo, veremos a imperiosa necesidade de artellar unha verdadeira policía europea.
Non cabe dúbida que existen policías de países da Unión Europea que levan a cabo un traballo espectacular na loita contra todos estes delitos, e especialmente contra o terrorismo yihadista. A Policía española é unha boa mostra.
Non cabe dúbida que o fenómeno da globalización tamén incidiu, non tanto no aumento dos índices de criminalidade, senón nas consecuencias e a transcendencia que teñen de cara á sociedade e que converten á Unión Europea nun auténtico espazo criminal. E para mostra velaí están os recentes atentados terroristas que puxeron en alerta as policías dos estados membros.
Posiblemente Europa estivera máis ocupada e preocupada polo fin da guerra fría e da súa constitución como espazo común, que pola multiplicación de ameazas á súa seguridade.
E xorden fenómenos como a delincuencia transfronteiriza, o narcotráfico, a trata de seres humanos, e xa máis recente, a inmigración clandestina e o terrorismo internacional, cuestións estas que constitúen unha das máximas inquietudes dos cidadáns da Unión Europea.
E o temor a que estas ameazas nace, entre outras cuestións, da inquietude ante a porosidade das fronteiras e a revolución das novas tecnoloxías.
Non se pode obviar que se fixeron avances na loita contra estes fenómenos delituosos: intercambio de información, tratamento común dos problemas da criminalidade, creación de equipos de investigación, a persecución en quente ou, no eido xudicial, a Orde Europea de Detención e Entrega.
Máis, coido que non é suficiente. A propia capacidade de cada Estado reside, cada vez máis, na súa eficacia para artellar armazóns xurídicos, institucionais e, sobre todo, operativos, que vaian máis alá do concepto tan estreito do interese nacional.
Contra estes desafíos comúns non queda outra que respostas conxuntas. E que mellor que un corpo policial único: a Policía Europea.