Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 18ª xornada
Atrás quedan xa catro meses e medio de competición e xa temos datos que confirman os prognósticos de principio de tempada. Nas catro primeiras prazas están situados os máximos aspirantes a xogar a fase de ascenso, dos que se descolga o Pontevedra.
Nesta xornada encontrámonos co partido máis importante e novo tropezo do Somozas (xa van catro como local, que contrasta con ningunha como visitante), que o relega á sexta posición superado precisamente polo rival que lle endosou a derrota, As Pontes.
Dous partidos destacan por enriba do resto, o Villalonga-Celta B, polo intenso e disputado que foi o partido e porque o Celta B se viu por debaixo do marcador ao descanso (2-0), tendo que apertar na segunda parte para poder igualar o marcador. Sen excesiva brillantez, o partido non decepcionou os moitos afeccionados que se deron cita en San Pedro.
Outro a destacar foi o xogado o sábado no García Hermanos, parecido ao comentado. O Pontevedra viuse por detrás no marcador (2-0) e espertou a tempo para non vir de baleiro e deste xeito polo menos sumar un punto (recordemos que o Pontevedra non gaña como visitante dende a terceira xornada). Polo demais só destacar as dificultades que tivo o Deportivo B para conseguir a vitoria, pois o gol do triunfo o fixo Luis no minuto 92.
Como resultado deste marcador o Pontevedra afástase perigosamente das catro posicións, pois xa está a sete puntos, cifras preocupantes que engadidas á pouca estabilidade institucional que ten o club, lle augura un panorama complicado no futuro inmediato.
Os equipos vanse de vacacións e volverán xa no 2013 a competir de novo, no día de Reyes, con nada máis e nada menos que un Pontevedra-Deportivo B, designado partido da xornada, pois dependendo do resultado final, o Pontevedra pode ver aliviada a súa situación ou verse ao final da primeira volta a dez puntos da fase (cun partido menos).
REXIONAL PREFERENTE
De insólitos pódense cualificar os resultados deste fin de semana. Abonde con dicir que os tres primeiros clasificados foron derrotados e, agás o Sanxenxo, contra prognostico pola traxectoria dos rivais.
Teriamos que repasar a historia para encontrar un feito similar. A grande favorecida por todo isto é a competición, que se abre a bastantes máis equipos dos pensados ao inicio desta tempada.
Destaca de forma especial o Portonovo, que como dixeramos en mais dunha ocasión, pouco a pouco se ía situando preto da zona nobre. Pois ben, xa está e a partir de agora podémolo considerar un equipo a ter en conta por moitas razóns, acábao de confirmar no partido da xornada que con ambiente de gala (ata 800 espectadores déronse cita en Baltar de Arriba), onde o xogador do partido foi Álex Cubas, quen coa súa calidade e a intensidade que lle pon inclinou o partido para o seu equipo.
Outro resultado que chamou a atención foi a vitoria do Marín contra outro rival de entidade, Cultural de Areas, encadeando así cinco partidos sen perder que o achegan á salvación. Sufrindo, os de Lodeiro viron premiado o seu traballo no tempo de desconto.
Importante a vitoria do filial granate, que deste xeito se afasta desa zona perigosa na que levaba tempo vivindo. E como non, caeu por primeira vez o Valladares como visitante e houbo que esperar á xornada 18 para que isto sucedese.
Como partido destacado da próxima xornada designamos o Portonovo-Arenteiro, que pode confirmar ao Portonovo entre os máximos aspirantes ao ascenso, cun importante dato ao seu favor como é estar imbatido en Baltar.
REFLEXION
Chega o Nadal e quedamos sen futbol. Isto contrasta con que moita xente volve ao seu fogar nestas datas e pode dispoñer da posibilidade de ver o equipo de toda a súa vida e ademais en compañía dos seus, pois ben prívaselle desta oportunidade e volverase ao seu destino sen gozar do equipo de toda a súa vida. Por iso gústame a Premier.