Beatriz Suárez-Vence Castro
PO 308
Esta pequena combinación que non di nada ós foráneos é para a xente de Pontevedra e, sobre todo, para a de Poio un pesadelo numerado: a estrada que vai de Poio a Lanzada. Ten tantos puntos negros que a numeración máis axeitada sería o 666, o do demo.
Se vostede anda escaso de emocións fortes, achéguese a Poio e trate de cruzar a calzada. A última persona que é noticia por inténtalo é Carmen Torres, veciña da zona e militante do PP local que terá que tomar posesión da súa acta de concelleira, coxa dunha perna. Aínda non se recuperou do atropelo que sufriu o domingo pasado, o segundo en dous anos na súa conta particular.
Aínda tivo peor sorte Ana María Gómez, veciña tamén de Poio que perdeu a vida en Novembro do ano pasado .A súa filla, Azucena Rodas, é unha das representantes da Plataforma Veciñal que se formou para exixir medidas que doten o vial de beirarúas, beiravías, semáforos, e radares. Tamén son necesarios máis pasos de peóns aínda que no caso de Carmen Torres, o último atropelo, tivo lugar precisamente no único paso de peóns que está preto da súa casa.
O problema sófrese todo o ano pero coa chegada do bo tempo increméntase a circulación de vehículos debido o gran número de praias da zona. Sen ir máis lonxe, as praias de Chancelas, Chancelas pequena e Ouriceira, ás que acoden moitas familias con nenos por mor da sua tranquilidade, vense afectadas enormemente pola falta de pasos de peóns que farían máis doado cruzar desde as súas casas ou hoteis á praia. Dase ademáis o feito de que dous dos restaurantes máis coñecidos da zona atópanse preto dunha das curvas máis perigosas de todo o vial.
A solución non é doada, pola titularidade dos terrenos sobre os cales terían que realizarse as obras. Veciños, Concello e Xunta non chegaron aínda a un acordo que faga posible a mellora do tramo pertencente a Poio.
Nembargantes o tramo que vai dende Portonovo a Lanzada, por ser considerada zona interurbana, conta con fondos da Unión Europea e segundo un convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo no 2004, os terreos atópanse a disposición da Xunta.
No caso do Concello de Poio sería o propio Concello o que tería que facer fronte os gastos derivados das expropiacións dos terreos por non dispoñer da axuda europea.
Malia todo, as últimas novas parecen ser optimistas para Poio e o convenio entre Concello e Xunta vai por bo camiño. A Xunta ven de flexibilizar os termos, entendendo que o trazado da PO-308 transcorre por zona de dominio público, non sendo necesario expropiar máis terreo.
Se todo segue como ata o de agora as obras de mellora para o tramo pertencente a Sanxenxo, entre Portonovo e a Lanzada licitaranse a finais do 2015 por fin, tras cinco anos de negociación entre Xunta e Concello e poderase empezar con elas en 2016.
Esperamos que o tramo de Poio corra a mesma sorte nun futuro próximo, e se incremente cando menos a vixilancia no vial para que non haxa mais atropelos co verán a volta da esquina.