José Freire
Mando
Defínese mando a aquela persoa capaz de tomar decisións, de asumir responsabilidades, perfectamente informado do seu cometido e con capacidades suficientes; ou a persoa que dirixe a outra ou outras co obxecto de guiar o seu comportamento cara unha meta ou obxectivo determinado.
Fai tempo que tiña ganas de reflexionar en voz alta sobre as características que deben adornar a un bo mando. E isto venme dado pola relación, boa e mala, que de todo houbo ao longo da miña longa traxectoria sindical, que mantiven cos distintos mandos do Corpo Nacional de Policía, especialmente en Galicia
O Mando debe estar para adoptar decisións e impartir ordes para un axeitado funcionamento da organización, tratando de obter o máximo rendemento dos medios e a maior satisfacción posible dos individuos que dela forman parte.
Se algo hai verdadeiramente importante e esencial nunha organización, son os seres humanos. E se existe algo que interese máis destes, son as súas interaccións. ÿ dicir, o xeito en que o home resolve os seus problemas, intentando corrixir unha situación que lle resulta insatisfactoria, ben por ser claramente negativa ou porque pode mellorarse.
Ao Mando, como persoa que ten que decidir, se lle presentan dous problemas: definir as alternativas a elixir e facelo coa máis óptima.
Polo tanto, tomar decisións é a tarefa básica que debe realizar todo directivo ou mando. De tal xeito isto é así que pode definirse o Mando como aquel que toma decisións. E ante as dificultades que se lle presentan, como o medo a trabucarse, algúns prefiren dedicarse a outras decisións menos importantes e, sen dúbida, máis fáciles e menos comprometidas. Estes son os mesmos que, en lugar de entender a decisión como un traballo ou un deber, a conciben como unha prerrogativa ou un dereito.
A miúdo dan mostras de todas aquelas calidades que non deben adornar a un bo mando e xestor de recursos. As persoas que están á fronte dunha organización, onde se xestionan recursos humanos, deben posuír certas calidades que lles permitan dirixir de xeito organizado e respectuoso aos seus membros. Sempre tendo en conta que o equipo humano é o capital máis importante que ten a organización.
O autocontrol e a receptividade deben ser calidades entre os que teñen a misión de dirixir. A arrogancia, a presunción de infalibilidade, a exhibición de privilexios, as decisións porque o digo eu, afectan gravemente aos resultados profesionais e rematan co respecto que ámbolos dous, mando e subordinado, merecerían noutras circunstancias. Utilizar a desconfianza como norma de cara aos subordinados é unha práctica que pode estar xustificada nalgúns casos, pero sempre hai que optar por diminuíla. Ter un control excesivo nos funcionarios envía a mensaxe de que son incapaces de facer calquera tarefa. O mellor é darlles a confianza suficiente e seguramente os resultados serán mellores. En moitas ocasións evitan tomar decisións difíciles cando a situación o require. Os mandos covardes non deciden, buscarán escusas para non facelo.
E agora preguntarase. ¿Este tipo de Mando existe na Policía española?. A boa fe que si. En Galicia temos máis dun.
Máis a culpa non é deles. ÿ de quen os nomea.