Andaríns do Val do Lérez
Consellos para ser un bo observador da natureza (II)
Hai que ter moi claro as mostras que vas a coller, hoxe a fotografía permite facernos con imaxes impensables se as tivésemos que debuxar, sen embargo o debuxo do natural segue sendo o mellor método para observar e anotar as características dun ser vivo, captando aspectos moi difíciles de lograr nunha soa foto.
Cando se movan pedras para mirar a vida que agochan baixo delas, saber que temos que deixala con moito coidado tal e como estaba nun principio.
Nos niños e tobeiras ter o máximo respecto. Case sempre é preferible manter unha certa distancia para non molestar cando poden estar criando.
Recordar que na natureza sempre debemos de deixar o lugar, como mínimo, tal como o atopamos ao chegar.
Poñer a máxima atención nas posibles recollidas de mostras que necesitemos para un posterior estudo amosamos algunhas suxestións:
AREA.- Temos que entender que se trata dunha pequena mostra de estudo, acontece que cando collemos máis cantidade, sóbranos e non a devolvemos ao mesmo lugar. Dalgún xeito hai que tratar de restituír a area tomada para estudio pois as areas e as gravas tardarían centos de anos en volver a formarse.
AUGA.- Poderase coller algunha mostra cando se trata de auga corrente, facendo fincapé de que a auga, en contra do parecer tradicional, "é un ben limitado". No caso de augas paradas tomarase unha mostra con reservas.
PEDRAS.- Poderase levar algunha sempre que non forme parte dalgunha estrutura ou complexo xeolóxico (Unha terraza, un depósito de coios, un micropregamento, etc.). Pensade que unha pedra non ten importancia, pero unha cada persoa que pase por ese lugar e colla unha, aínda que sexa pequena xa significa moito dano (sobre todo na súa faceta depredadora), se fai en sucesivos anos incidindo nun punto xeolóxico determinado significa sen dúbida un espolio que vai en contra da filosofía de conservación e respecto do contorno. Moitas veces a simple retirada dunha pedra pode alterar a vida dun formigueiro, ou eliminar o refuxio de moitos animais que teñen alí a súa protección.
FOLLAS CAÍDAS.- Colleranse sen problemas nos parques e zonas urbanas onde sabemos que virán logo os da limpeza a recollelas. Nos bosques colleranse as menos posibles pois é máis importante tratar de explicar con ese exemplo, que as follas cumpren unha función natural ao descompoñerse pasando a ser un parte fundamental do abono que necesitan moitos bosques para manter a súa demanda alimentaria natural que fará posible que segan vivindo cada unha das especies propias do ecosistema.
FLORA, FAUNA E FUNGOS.- Con respecto á flora, recoméndase non recoller nin estragar ningunha planta, xa sexa unha planta moi vistosa ou unha simple estruga (cada unha delas ten unha función importante). Tendo en conta a excepción dos herbarios que teñan unha finalidade científica.
No caso da fauna teremos en conta as proteccións existentes para cada especie que inclúen a manipulación, cambio de lugar, captura de todo tipo, tendo moito coidado cos problemas sanitarios que podemos transmitir sen ser conscientes do dano que lle podemos provocar á fauna. Existen excepcións como poden ser as persoas que están legalmente autorizadas para a manipulación, identificación, estudo e catalogación de certas especies con fins científicos. Sendo coñecedores das normas e medidas de protección obrigatorias.
No caso dos fungos o maior respecto a calquera das especies, xa que todas son importantes sen que o que interese é que sexan comestibles ou non. Atención ao que recolles, e como o fas, respectando o resto do fungo que non vemos (o micelio). Recolle só as que estean ben desenroladas e en boas condicións de comer. Atendendo á normativa recente.
Por iso pensamos que a filosofía que debe primar na nosa relación co medio natural, ser humano incluído, é a de que cada espécime está facendo unha función no lugar en que se desenrola, por iso cada planta, cada animaliño, cada fungo, cada bacteria ten unha misión pola cal se desenvolve nese sitio, importancia que debe estar separada de se é "beneficiosa" ou "prexudicial" para o ser humano, pois estas relacións nas que se pon por diante as "conveniencias" das persoas, só son válidas nos espazos humanizados como poden ser o domicilio, a zona urbanizada e os cultivos, se ben moitas veces estas áreas expandímolas sen ter en conta que podemos estar depredando e contaminando entornos que de ningún xeito lle son propios.
Por todas estas consideracións rexeitarémo-lo colecciónesmo e incluso a observación agresiva que leve ó exterminio do observado e trocarémolo pola observación discreta do entorno, a fotografía e o vídeo, sempre que non altere os procesos naturais, e sobre todo potenciaremos o debuxo do natural e a anotación dos procesos e fenómenos observados no caderno de campo.
Traballo feito por Juan Ramón, Amancio Castro e Conchi Mumary da Asociación Andaríns do Val do Lérez