Ernesto Vázquez-Rey Farto
Con miliarios e a lo loco!
Dicía onte a deputada delegada en materia de Cultura da Deputación de Pontevedra a un coñecido medio da prensa local que o emprazamento do miliario de Adriano -sobre o que correron rios de tinta estes últimos días- era temporal… e mentía. Declaraba tamén que o dito miliario ía ser retirado a outro espazo dende o preciso instante en que Pepe Vieira gañara o concurso sobre a xestión do restaurante do Museo de Pontevedra… e mentía. E tamén dicía que a peza nunca estivo desprotexida ou correu algún perigo… e por pura coherencia no seu descurso, mentía de novo.
A situación parece nova, pero non o é. O que pasa no Museo de Pontevedra ten o seu antecedente na disolución do OAL Museo de Pontevedra, figura xurídica que lle daba ao Museo independencia orgánica dentro da Deputación; que sucedía naturalmente ao Padroado do Museo, fundado en 1927, e que a vontade do Partido Popular Provincial quixo que expirara a finais do ano 2012, hai xa máis de dous anos, perante a pasividade dun amplo sector da intelectualidade cultural que hoxe clama ao ceo.
Dende o primeiro momento entidades como a Casa Condal de Malvar, fundación vincular familiar que remonta a súa orixe ao século XVIII, estivo denunciando e supervisando na medida do posíbel a eterna transición que se leva vivindo dende aquela, xa que pasamos de ter un Museo a un ente abstracto que ninguén sabe ben en que se materializa. O certo é que coa afirmación anterior e seguindo a técnica do anaisabelismo eu tamén acabo de incorrer nunha mentira. O Presidente da Deputación sí que sabe que é: un contenedor! Así o repetíu ata tres veces na inauguración da exposición adicada a don Xosé Fernando Filgueira Valverde a pasada semana.
As que Pedro negou a Xesús. E desculpen o spam católico, mais aplicado ao caso é moi revelador.
Pero volvendo aos miliarios, quixera completar a parte que na miña humilde opinión lles faltou aos meus admirados Ramón Rozas e Rodrigo Cota nos seus espléndidos artigos; a parte que todo o mundo aborrece pero na que se asenta o concepto da gobernanza: os pormenores xurídicos, científicos e técnicos.
A magnífica colección de miliarios do Museo de Pontevedra está exposta nunha das salas abovedadas do Edificio Sarmiento dende 1988 para dar continuidade ao descurso museográfico que partía na prehistoria e tiña o seu percorrido natural continuando polas salas de epigrafía romana. Entón, as pedras xa estaban alí. De feito, contrariamente ao que pensaban en Palacio, hai pedras que están alí en calidade de depósito, sendo quen escribe o titular de catro dos miliarios da colección por telos depositado o meu antergo, don Manuel Becerra Armesto, Deputado a Cortes e Alcalde de Pontevedra a principios do século XX, na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
O feito de que Roberto Varela, ex Conselleiro de Cultura da Xunta de Galiza, fixera aquela fastuosa visita ao Sarmiento producíu a absurda idea de que o Museo de Pontevedra precisaba un restaurante; dito sexa de paso, idea que non vai a favor da hostalería local, e que ademáis de ser absurda na súa orixe é ilegal a día de hoxe. Sí, o Sexto Edificio -que debería chamarse Filgueira Valverde se Louzán cumprise a súa palabra política- e o Edificio Sarmiento non teñen licenza municipal de obra nin de apertura; menos aínda para apertura de local de restauración. Minta o que minta a Deputada… isto é, diga o que queira ela dicir.
Hai dúas semanas personéime no Museo querendo ver os meus miliarios e descubrín que o acceso ao público estaba prohibido. Chamei á Deputada, quen amábelmente cuestionou a gravidade da conservación desas milenarias pedras que lle estaba a manifestar e nun acto dadivoso comprometéuse a autorizarme a visita ao patrimonio da miña propia familia, instancia mediante. Nunca máis novas tivemos deste asunto ata o momento. Estou certo que non tardará moito a Deputación en tentar enredar os trámites para impedir constatar in situ o que se pode observar dende o fantástico La Ultramar - Pepe Vieira que a Deputada se empeñou en montar: Os miliarios están comezando o proceso de salinización.
No subsolo do Sarmiento existía unha gavia que recollía as filtracións e humidades que discorrían dende a rúa Sarmiento ata onde hoxe está o Sexto Edificio, paralelamente ao discorrer da actual Cobián Roffignac. Esta vía de desaugue foi destruida na remodelación do Sarmiento, xa que ésta non tivo control técnico polo persoal do Museo de Pontevedra; a Deputada poderá explicar o por que, e xa que está, poderá pedir desculpas por unha vez no seu mandato, porque isto é o que motiva a súa repentina decisión de musealizar a sala dos miliarios; sala que dende que iniciou a atrevida empresa de montar un bar no Museo ía estar dentro do espazo da concesión, como así consta no propio expediente. A destrución desa gavia favoreceu que as sales solubles que se filtran nas humidades estean a ser absorvidas pola pedra porosa dos miliarios; isto é: estánse a desfacer. Porén, a Deputada é a responsábel política da destrución dunha parte históricamente fundamental do patrimonio público.
O certo é que os cinco modificados do proxecto constructivo do Rueiro Cultural da Deputación que promoveu o ex Presidente provincial Abeledo, foron avalados pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza e que o Concello de Pontevedra permitiu a apertura de facto deste local de restauración sen a preceptiva licenza. Se fora un particular o que o fixera, estou convencido de que tiña o negocio pechado á media hora.
Así as cousas, a Asociación de Amig@s do Museo de Pontevedra, que promoveu -entre outras- a Casa Condal de Malvar como titular do legado familiar daquel prelado compostelán que aínda conserva a súa rúa na boa Vila, tomou a determinación de demandar do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes sendos informes que reforcen o criterio técnico que a miña prezada Deputada de Cultura se negou a oir dende o primeiro día, a pesares das diversas reunións que mantivemos con ela.
Como lle diría un dos homes máis sabios e rigorosos dos que tiven o pracer de coñecer na miña etapa universitaria: Ana Isabel, hase de saber.