José Freire
Galego na Policía
Ao dicir isto non me estou a referir a se hai moitos galegos no Corpo Nacional de Policía, que os hai. En boa lóxica máis en Galicia que no resto do Estado, que tamén. Estou a facelo sobre o uso da nosa fala no eido profesional dos que desenrolamos a nosa actividade como traballadores da seguridade pública na nosa Terra.
E o fago como unha reflexión despois de participar no acto de homenaxe as letras galegas que, como cada ano, organiza con moito esforzo e éxito, a Asociación Cultural O Burgo, dedicado, nesta ocasión, ao Profesor Filgueira Valverde.
Foi ao recitar aqueles versos de Celso Emilio Ferreiro que din,
"Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre".
cando lembrei unha experiencia desagradable, a primeira que tiven neste senso, da que fun testemuña e que nunca esquecerei.
No ano 1963, estudando primeiro de humanidades no Seminario Menor de Santiago, vin como un dos cregos, que logo chegou a cóengo da Catedral, lle daba unha lapada a un compañeiro polo feito de oírlle falar en galego, cousa lóxica xa que o rapaz era dunha aldea preto de Carballo. Os conseguintes choros do meu compañeiro foron escoitados polo entonces Cardeal Quiroga Palacios quen, no soamente consolou ao rapaz, senón que reprendeu fortemente ó cura, deixando ben claro que ningún alumno debería ser castigado por falar en galego.
Pasaron os anos e dentro da miña actividade profesional como policía tamén fun testemuña de feitos que, sen chegar a eses extremos, si coartaban a utilización da lingua galega.
Por iso, tanto no eido persoal, profesional coma sindical, asumín o compromiso de potencia-la utilización da lingua galega entre os funcionarios do Corpo Nacional de Policía destinados en Galicia, así como de participar en todos aqueles foros que tiveran como fin a defensa e pulo da cultura galega, e de xeito moi especial da súa lingua, compromiso que foi referendado mediante a sinatura da declaración conxunta de tódolos sindicatos do C.N.P. a prol da normalización lingüística no seu seo. Teño que confesar que non conseguimos o esperado.
A pesar de que a inmensa maioría dos funcionarios do C.N.P. destinados en Galicia somos de orixe galega e que a cotío utilizamos de xeito habitual e xeneralizado a nosa lingua para relacionarnos coa familia, cos veciños e nas conversas cos cidadáns que requiren a nosa presenza ou intervención, cando se trata de utiliza-lo de xeito oficial no noso traballo, prostituímo-la e automaticamente pasamos ó castelán.
E moito de isto ocorre máis pola falla de coñecementos e de instrumentos que faciliten o emprego do galego na súa tarefa profesional que pola propia vontade dos funcionarios policiais, entre os que se inclúen os que proveñen doutras comunidades do Estado Español, que libremente optan pola tarefa enriquecedora de coñecer e empregar outra lingua.
Por iso coido que é imprescindible a introdución de ferramentas informáticas nos ordenadores das Comisarías de Galicia e da Unidade Adscrita a Comunidade Autónoma. Un recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos cidadáns nas dependencias policiais, de xeito moi especial nas Oficinas de Denuncias e Atención o Cidadán para que, á hora de presentar denuncia ou testemuñar, se posibilite a opción de utilizalo castelán ou o galego. No mesmo senso, incluír na información de dereitos dos detidos o da opción lingüística, tanto se faga de xeito oral ou escrito. Solicitar da Dirección Xeral da Policía e da Xunta de Galicia a realización de cursos específicos para funcionarios do Corpo Nacional de Policía destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, con recoñecemento oficial e avaliable a efectos do baremo de méritos, nos que se inclúan aspectos tales como: coñecementos de lingua, de socio- lingüística, de antropoloxía cultural galega, de psicolingüística e trocos de hábitos lingüísticos ou dun módulo dedicado a melloralo estilo na redacción policial.
As linguas deben servir para unir e comunicarse e non para enfrontarse. En Galicia témola gran sorte de ter dúas, máis unha delas esmorece por abandono e, aínda que so sexa por respecto aos nosos devanceiros, non debemos permitilo.
É moi probable que se non fora pola lapada do cura hoxe non estaría escribindo estas letras e referendando, unha vez máis, o meu compromiso persoal coa lingua galega. Desgraciadamente algún cura como aquel, aínda que vestido doutra cor, anda solto.