Valentín García Bóveda
Na casa do ferreiro, coitelo de pau
Así comeza a triste historia dunha sociedade, á quen non lle queda outra opción que lamber os restos do que puido ser un módico xantar, cunha cubertería de pau. Lavada sen moito frotar para así aproveitar os sabores que fican pegados á madeira con todos os matices culinarios da nosa grande e folclórica gastronomía.
De feito non hai Master Chef no país, capaz de facer confluír nunha mesma lambetada os arrecendos mesturados das filloas de Moreira, pasando polo cocido dos Larpeiros da TVG, até apreciar o regusto do polbo dun gobernante. E este último, como froito da marabillosa globalización toda culler de pau - agás a do Grove- provén da China, poden vostedes elixir entre o feito nun " potamóvil " na mesmísima Praza da Ferrería, ou o lácteo cefalópodo do Despacho Oval.
Nas cociñas da política todo se resume na capacidade tentacular ou en botarlle ovos. E se non lles cadra, vai servido en tempura.
E xa metidos na política, sigamos co noso picantón presente, mais picante que nunca. Iso sí, xantando todas e todos en paz e democráticamente. Porén os nosos grandes cociñeiros déronnos de papar, e abondosamente, croquetas -ou cocretas, que di unha seica princesa-. Sexa como for a forma substantiva, o seu ingrediente principal é paz insípida.
Unha paz propia dos réximes autocráticos ( carentes de autocrítica), rebozada de negatividade e rechea de baleiro, amasado todo, con silencio e esquecemento.
Pois este foi o noso perpetuo xantar, e queren que continue a ser. De nós depende dixerilo.
Agora se entende que o protector estomacal sexa o medicamento mais vendido no país.
Vaticino pois, que tamén o será en Venezuela nos vindeiros anos, xa que os prohomes defensores dos Dereitos Humanos están alí enfocados. E eiquí enrocados.
Quererán aplicar alén do Atlántico a mesma receita que na casa ?
De ser así, é vergoñento. De non o ser, aínda o é máis.
As vítimas do terrorismo Franquista non o foron por catástrofe natural nin accidente fortuíto, senón dun crime político voluntario, consentido, selectivo e organizado. Tampouco dun crime privado -que busca pasar desapercibido- e sí dun crime público, que a diferencia do anterior, demanda da máxima publicidade para así condicionar o futuro político dunha sociedade cara un estado, ensoñado nun principio, e finalmente conquerido.
De este tipo de crimes, pois, non temos dereito a nos zafar. E sendo crimes expresamente políticos Como podemos comprendelos se non é politizándoos?
Este punto de partida é o que marca as diferenzas entre a miña coñecida postura de non politizar ás vítimas, e si politizar e institucionalizar as homenaxes malia demanda de xustiza. Demanda solicitada por unha parte da sociedade -e isto vai para quen dí, e ten a obriga, de governar para todas e todos- e de obrigado cumprimento polos diversos tratados ratificados e asinados para cos Dereitos Humanos.
E queren conquerilos fora. Cando menos inxusto, cando máis, esperpéntico.
Polo tanto non é social e políticamente suficiente unha vaga confesión de culpa polo esquecemento no que mantivemos ás vítimas, pois tal xesto de aflición comprométenos pouco ou nada, e parece remitir só a un estéril exercicio de memoria. Tampouco á indistinta condolencia polo sufrimento que padeceron, xa que a compaixón cara unha vítimas políticas débese acompañar da indignación cara os seus verdugos, como pouco.
Moito menos cabe sequera insinuar, como aínda se fai, unha infame equivalencia entre os mortos ou feridos dun lado ou doutro á forza de resaltar a pena semellante que experimentaron seus familiares. Estaríase dicindo que non importan as razóns polas que uns morreron matados e outros morreran matando, como se as mortes voltáranlles a todos eles intercambiables e así mesmo equiparables aos seus antagónicos proxectos.
Unha ditadura deslexitímase polo sustantivo que a nomea, ademais das técnicas que utiliza para se sustentar. O que require de mais esforzo, e mais nos compete, é deslexitimar os abondosos discursos e prexuízos cos que se quixo acreditar. As declaracións anxelicais sobre dereitos humanos, serven para disimular plantexamentos e sobrevivir ao escenario político baixo un pelexo de cordeiro.
De tanto xantar paz coma única opción ao medo, convertímonos nunha sociedade que rexeita revisar o dano cometido ademais do que nós mesmos consentimos, e iso nos predispón a seguir tragando o que cociñe calquera desaprensivo, con tal de evitar sobresaltos. Así morramos dunha esmorga de dereitos. Bébedos de lixívia para conciencias.
Os cociñeiros comportáronse sempre así. Tamén durante a nosa escura transición, resistíronse a mirar no fondo da pota para non cheirar a queimado. Como moito limitábanse a desexar que fervese pronto, sen advertir canto contribuía a súa covarde inhibición a convertelo nun avance na cociña. Unha pota a presión que prolongue o fervedoiro. Ata que estoupe.
E agora pretenden tan ricamente entrar nun saboroso futuro aforrándose a vergoña de ter que render contas do seu miserento pasado.
Así lles toque nun enlatado chárter, no asento do medio e con Chicote ao carón.
P.D: Se hai algún necio que se asuste da definición de terrorismo neste texto, recoméndolle acudir ao dicionario. De paso, que busque necio.