José Freire
Triunfo histórico
Os que me coñecen saben que non son dado as auto compracencias, nin persoais nin para a organización á que represento ou de pertenza. Máis hoxe vou facer unha excepción. A enorme ledicia que me dá o triunfo histórico do Sindicato Unificado de Policía (S.U.P.) nas eleccións sindicais celebradas o derradeiro día 10.
E digo histórico porque nos máis de 37 anos de existencia, se ben é certo que varios deles na clandestinidade, nunca se acadara un apoio tan enorme por parte dos máis de 70.000 membros do Corpo Nacional de Policía.
O S.U.P. obtivo 7 dos 16 vocais a elixir, conseguindo representación en tres das catro escalas do corpo, sendo o sindicato máis votado en dúas delas, básica e subinspección, e o segundo máis votado na executiva. A segunda organización máis votada foi a Confederación Española de Policía (C.E.P.) que conseguiu 4 representantes. Igualados a 2 representantes quedaron o Sindicato Profesional de Policía (S.P.P.) e a Unión Federal de Policía (U.F.P.), namentres que Alternativa Sindical de Policía (A.S.P.) tivo que conformarse con 1 representante.
Hai que salientar a importante implicación dos funcionarios policiais nestas eleccións. Na Escala Básica a participación foi do 81,62%; na de Subinspección elevouse ao 85,35%, na Executiva do 72,55%, namentres na Superior foi do 73,36%.
Os traballadores da seguridade pública que forman parte do Corpo Nacional de Policía saben que estamos nun momento de trocos sociais e políticos, de inicio dun novo ciclo político, de rexeneración política, de bo goberno das institucións, de aproximación dos cidadás a estas institucións, en definitiva, de que estean ao servizo da cidadanía. Nese troco, e dentro do Corpo Nacional de Policía como servizo público, quere estar o Sindicato Unificado de Policía, promovendo unha auténtica policía civil, rexida exclusivamente por criterios técnicos e profesionais, en que os policías se sintan parte dunha organización limpa de calquera indicio de corrupción e allea aos intereses de ningunha formación política, o que non veu sucedendo nos derradeiros 30 anos.
Por iso, dende o Sindicato Unificado de Policía, se fan unha serie de propostas co fin de mellorar a eficacia das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e na defensa das liberdades e dereitos dos cidadás, e establecerse deste xeito nun servizo público da máis alta calidade, ao mesmo tempo para que os seus integrantes gocen da máis elevada protección xurídica e consideración profesional e social no exercicio da súa tarefa profesional, e que esta se leve a cabo nun marco de transparencia e bo goberno, no que se promovan os valores da igualdade de oportunidades, mérito, capacidade no seu seo e entre os seus integrantes, impedindo os abusos de poder que algúns mandos practican asiduamente.
Racionalizar e simplificar as estruturas das Forzas e Corpos de Seguridade coa unificación do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil nun novo corpo de policía civil, no que se respecten tódolos dereitos civís e profesionais dos seus integrantes, en condicións de igualdade cos demais funcionarios públicos; promulgar un novo marco legal que estableza con claridade a distribución de competencias de cada un dos operadores en seguridade, a súa modernización e adaptación aos actuais compromisos internacionais e, namentres iso non sexa posible, esixir o estrito cumprimento da Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade; promover prácticas de transparencia nos órganos de dirección e administración das Forzas e Corpos de Seguridade; corrixir as prácticas actuais nos procesos de ascenso, que deberán sustentarse en probas obxectivas e medibles; recoñecer as recompensas profesionais ou condecoracións ao sometemento da lexislación en vigor e con criterios de igualdade de oportunidades, mérito e capacidade; os mesmos criterios para a designación de postos de traballo; e como non, superar as discriminacións profesionais, económicas e laborais dos distintos corpos policiais, carentes de lóxica dende a perspectiva do interese xeral ou da eficacia policial, que tanta desmotivación xera nos funcionarios do C.N.P., resultando especialmente gravosa a desigualdade retributiva coas policías autonómicas vasca e catalá, foron algunhas das propostas que fixeron que o S.U.P. acadase o apoio da maioría dos membros do C.N.P.
Os meus parabéns á Comisión Executiva Nacional e a súa Secretaria Xeral, Mónica Gracia, ao Comité Federal de Galicia e ao seu Secretario Xeral Roberto González, e a todos e cada un e cada unha dos cadros sindicais, afiliados e afiliadas, polo traballo feito e os resultados obtidos.
Para un vello sindicalista coma min é unha ledicia ver como os compañeiros lle dan o seu apoio a unha Organización, á que axudei a pola a andar, que non esquece as súas sinais de identidade e que foron as que a fan grande: un Sindicato independente, decente, patriota e democrático e que ten como fin actuar en defensa dos intereses laborais, profesionais, económicos e sociais dos seus afiliados e afiliadas, e de quen forma parte do Corpo Nacional de Policía, para, deste xeito, prestar un mellor servizo á cidadanía.
Se mo din fai 34 anos non mo crería. Máis é certo. Un triunfo histórico.