José Freire
Novas normas, novo Comisario
Escribo isto cando acabo de asistir ao acto de toma de posesión do novo Comisario Xefe Provincial, Comisario Principal Manuel Bouzas Canosa.
Mentres se ían pronunciando os discursos, tanto do novo responsable policial coma do Subdelegado do Goberno, nos que se facían alusións ao traballo policial e ao rumbo que se lle quere dar á nova etapa, viñan á miña mente os principais actores dese traballo, os funcionarios da Comisaría provincial.
E pensaba como, nas últimas datas, deben someterse a unha permanente e profunda actualización dos seus coñecementos en relación a unha serie de normas recentes que lles afectan, e de que xeito, ao desempeño das súas funcións como garantes da seguridade pública e, ao mesmo tempo, aos seus dereitos socio-profesionais.
Estoume a referir á Lei Orgánica 1/2015 de modificación do Código Penal, que entrou en vigor o día 1 de xullo; á Lei 4/2015 de Seguridade Cidadá e á Lei de Persoal do Corpo de Policía Nacional, así vaise chamar, pendente da súa publicación no BOE.
Aínda que moitas das modificacións do Código Penal afectan única e exclusivamente ao ámbito xurisdicional, outras moitas inciden, e de que xeito, no quefacer diario dos funcionarios policiais. Neste senso podemos observar a desaparición dalgunhas faltas, aínda que outras se converten en delitos leves; a modificación do comiso; revisión da definición de delito de asasinato agravado e novos delitos de asasinatos especialmente graves; modificacións nos delitos contra a liberdade sexual; modificación dos delitos relativos á intromisión na intimidade dos cidadáns; revisión da regulación dos delitos contra a propiedade e o patrimonio; modificación dos delitos contra a propiedade intelectual; delitos de corrupción nos negocios; os relativos a incendios forestais; modificacións en materia de violencia de xénero e doméstica; nova definición de atentado; nova definición de alteración da orde pública; novo tipo penal de acoso; tipificación do matrimonio forzado; condutas de incitación ao odio e á violencia......
Por outra banda, deben afrontar a posta en práctica da Lei de Seguridade Cidadá, a contestada e denominada por algúns Lei mordaza. Vaia por diante a miña opinión no sentido de que se trata dunha norma que non era necesaria. Nin os índices de criminalidade nin a conflitividade social a facían imprescindible. Pero calquera Ministro que se prece, e os de Interior dun xeito especial, quere pasar á historia por impulsar unha lei que imprima carácter nacidadanía. Aínda hoxe Corcuera vangloríase diso.
Dito isto, tampouco creo que o seu contido sexa tan atentatorio contra os dereitos persoais e sociais como algúns sectores manifestan. Hai que dicir que esta Lei pouco cambia nos aspectos puramente policiais. O que se fai é incorporar condutas que, ata de agora, quedaban impunes.
Dinse moitas falsidades como o que non se poderá gravar a actuación da policía, cando se poderá facer, pero non difundilas de xeito que se poña en risco a integridade do funcionario ou a súa familia, ou a falta de garantías á hora de levar a un cidadán a comisaría para os efectos de identificación, que agora se establece nun máximo de permanencia de 6 horas, cando ata agora non estaba prefixado, ou que non se poidan levar a cabo manifestacións.
O grave disto é que os funcionarios deben asumir “per se” a aprendizaxedestas novas normas, así como a forma de levalas á práctica, sen que a Administración teña a ben facer cursos de formación ao respecto. Como sempreese labor súplena as organizacións sindicais. Estase a poñer en serio risco a seguridade xurídica dos funcionarios policiais.
E como non hai dous sen tres, estamos pendentes dunha nova Lei de Persoal do Corpo Nacional de Policía. Unha Lei que se ben integra a normativa existente, non ofrece ningún avance e resulta restritiva en dereitos, e que, sorpresivamente, foi apoiada por dúas organizacións sindicais, a Confederación Española de Policía e a Unión Federal de Policía, o que posiblemente lles conduciu a uns malos resultados nas recentes eleccións sindicais, ao contrario que a organización que se opón, o Sindicato Unificado de Policía, que obtivo os mellores resultados da súa historia.
Nos tempos que corren, por exemplo, non é de recibo que se obrigue aos policías a residir no mesmo municipio no que prestan o servizo, ou que o seu salario estea supeditado ao criterio do seu xefe directo.
E nesta conxuntura chega Manuel Bouzas, segundo as súas propias palabras, co ánimo de potenciar a Comisaría, de darlle un pulo. Coido que é necesario.
Resulta imprescindible despois da última etapa de certo letargo, de non saber se chovía ou facía sol, de se estabamos arriba ou abaixo, diante ou atrás. Mentres que, por outra banda, se incrementaban o número de expedientes disciplinarios. As estruturas operativas da Comisaría están anquilosadas.
Aínda que o equipo é escaso, veuse rexuvenecendo nos derradeiros anos e, en consecuencia, con ganas de prestar un mellor servizo á cidadanía de Pontevedra. Iso debe aproveitalo o novo Comisario. É una plantilla que está moi necesitada de recoñecemento e incentivación, da que careceron nos últimos anos.
E se alguén non quere participar da nova engrenaxe, existe un remedio para que o faga: vaselina. Pero o proceso debe ser inaprazable.