Antón Masa
Sobre a caducidade da concesión de ENCE
Tal e como recolliamos nas alegacións presentadas diante do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente como resposta ao Informe-proposta de resolución ao expediente aberto á empresa ENCE pola posíbel caducidade da concesión en terreos de dominio público marítimo-terrestre en Lourizán, son moitas as causas que indican que tal caducidade tense producido polo incumprimento das condicións fixadas no ano 1958 no título concesional. Moitas e de moi diversa índole, por máis que nalgúns casos poidan xurdir interpretacións sobre a existencia ou non deste incumprimento por se tratar na concesión dun xeito abstracto de máis.
Pero existe unha causa de caducidade que é absolutamente concreta e cuantificábel e que –neste sentido- non está suxeita a interpretacións: o valor límite permitido no título da concesión para a DBO (Demanda Bioquímica de Osíxeno) no vertido de ENCE é de 20 ppm, e a superación deste valor implicaría a perda da concesión.
Trátase dun aspecto de moita entidade porque a DBO é un parámetro utilizado para medir a contaminación orgánica e, ao establecer este valor límite, o lexislador pretende evitar o dano dos vertidos de ENCE ao medio mariño e aos recursos marisqueiros.
Debemos facer constar, en primeiro lugar, que no que fai á caducidade da concesión, o que está en litixio no expediente aberto desde o Ministerio non é se ENCE cumpre ou non as condicións esixidas na súa Autorización Ambiental Integrada (AAI); nin sequera se cumpre ou non a lexislación ambiental hoxe vixente. Trátase de avaliar se ENCE cumpre ou non cos niveis esixidos na concesión no que ao parámetro DBO se refire; é dicir, se ENCE superou ou non este nivel de DBO fixado.
Pois ben, cos datos elaborados pola propia empresa ENCE na man (datos facilitados á APDR pola Xunta de Galicia e aportados pola asociación como anexos ás alegacións presentadas no expediente), a fábrica de Lourizán incumpriu sistematicamente –e incumpre aínda hoxe en ocasións- esta condición; xa que logo, a caducidade da súa concesión é evidente.
Así pois, calquera decisión do Ministerio que obvie esta realidade será inxustificada e inxustificábel, pois non responderá a criterios obxectivos nin á defensa do ben común fronte aos interese particulares; e será tamén, polo mesmo motivo, recorríbel.
Desde a APDR –que teme que o Ministerio manteña a decisión expresada na anterior resolución- anunciamos a nosa vontade de recorrer calquera resolución contraria ao interese xeral e mesmo valoramos acudir á vía xudicial por se de tal decisión puidera desprenderse a comisión dun delito de prevaricación.