José Freire
Terrorismo doméstico
Pouco a pouco fómonos desfacendo, no noso vocabulario, da palabra terrorismo, tan empregada ao longo dos últimos corenta anos. Todos os españois, pero moi especialmente os que tivemos a desgraza de vivilo en primeira liña, aínda hoxe, somos conscientes do sufrimento que ocasionou á sociedade española. Era un sen vivir pensando onde ía ser o seguinte atentado e quen a vítima. Este tipo de terror xa non forma parte da nosa preocupación diaria.
A preocupación e os mesmos interrogantes que se nos formulan agora, case a diario, é o de quen será a próxima muller asasinada, ónde e de que xeito. Outro tipo de terrorismo, o doméstico.
Son xa máis de vintecinco as mulleres asasinadas ás mans dos seus maridos, compañeiros, noivos... no que vai de ano. Na maioría dos casos utilizando medios que os propios terroristas etarras non se tivesen atrevido a utilizar. Poñían unha bomba ou pegábanche un tiro e fuxían. O terrorista doméstico córtache o pescozo cunha serra eléctrica e, se é posible, en presenza dos fillos, para ocasionar aínda máis terror.
É un terrorismo igual que o outro, que utiliza a premeditación, aleivosía e a certa impunidade que dá o fogar para cometer os seus asasinatos.
E ante isto, a sociedade, no seu conxunto, laméntase pero non reacciona. Cada un de nós, e como tal sociedade, somos responsables do que está a suceder. É certo que debemos reclamar e esixir responsabilidades aos poderes públicos para instaurar estruturas coordinadas abondo que sirvan de canle e apoio ás potenciais vítimas.
Déronse pasos neste sentido. Así, no que concirne á Policía Nacional, dende o mes de novembro pasado están en funcionamento, nalgunhas comisarías de España (por certo na de Pontevedra cren, ao meu xeito de ver erroneamente, que non é necesaria), as U.F.A.M. (Unidades de Familia e Muller) co fin de darlle un tratamento integral a todos os fenómenos que existen na violencia exercida dentro do eido doméstico, manifestada a través de agresións físicas, psicolóxicas ou sexuais, abundando tanto na protección coma na investigación e implantando unha maior formación e especialización dos seus compoñentes. Neste senso hai que resaltar o dato obxectivo de que é escaso o número de vítimas entre aquelas mulleres que se atopan suxeitas a esta protección policial.
Máis non nos enganemos. Con ser necesarias todas estas medidas e dar os seus froitos, hai que ser conscientes que só combaten os síntomas duns comportamentos que teñen a súa orixe, non xa na cultura, senón na mesma existencia da especie humana. Afrontar un fenómeno que, ata non hai moito, non se combatía, con toda esta serie de medidas non cabe dúbida que reducirá o número de vítimas. Pero só co paso de xeracións enteiras, de traballo e educación específica conseguirase un cambio social na conduta do macho da especie humana. Necesitarase unha verdadeira enxeñaría educacional encamiñada a cambiar pautas de conduta social existentes na especie humana dende que existe. Este é o fondo do problema.
Xa o dixo o comediógrafo latino Plauto, douscentos anos A.C: "Homo homini lupus".