José Freire
Cansos
Estamos a piques de rematar a X Lexislatura da época democrática e xa se empeza a facer balance da actuación do Goberno e dar a coñecer as propostas aos cidadás para gañar a súa confianza, de cara as eleccións. Non sei vostede, estimado lector, pero eu xa estou canso de grandes e ambiciosos programas que, a lo menos, no sector da seguridade pública, nunca se cumpriron. Nin cun goberno socialista nin co popular.
Estamos cansos de novas oportunidades para darlle solución, dunha vez por todas, á discriminación salarial dos membros da Policía Nacional ao respecto das policías autonómicas, como Mossos de Escuadra ou Ertzaina.
Cansos dunha nova oportunidade para que se aborde a xornada laboral, acorde á normativa europea.
Cansos dunha nova oportunidade para que se aplique a normativa de Prevención de Riscos Laborais.
Cansos dunha nova oportunidade para que non teñamos que seguir comprando, cos nosos cartos, prendas de protección.
Cansos dunha nova oportunidade para dotar, ás unidades de protección á vítima de violencia de xénero, dos suficientes medios para enfrontarnos a un dos problemas máis graves que ten a sociedade actual.
Cansos dunha nova oportunidade para dotar á Policía dos derradeiros medios técnicos para loitar contra o crime organizado ou terrorismo e que non sexan utilizados polos políticos para uso particular.
Cansos dunha nova oportunidade para que, as condecoracións ao mérito policial, se concedan en base aos criterios regulamentariamente establecidos e non por "amiguismo".
Cansos dunha nova oportunidade de facer unha Lei de Persoal que regulara e actualizara toda a nosa normativa aos novos tempos e aos dereitos da nosa sociedade.
Cansos dunha nova oportunidade de regular os postos de traballo de libre designación, como as embaixadas, onde o mellor baremo é a recomendación.
Cansos dunha nova oportunidade para regular e corrixir os procesos selectivos de acceso e promoción, faltos de transparencia.
Cansos dunha nova oportunidade de rematar coa politización da Policía e dalgúns mandos.
Cansos dunha nova oportunidade para que se modificase a Lei de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado do ano 1986, que se quedou anticuada e sen sentido no seu modelo territorial, sen que se respecte a delimitación de competencias.
En definitiva, cansos dunha nova oportunidade para que, tanto o PSOE coma o PP, cumpriran con estes servidores públicos.
Díxeno nalgunha outra ocasión. A democracia española ten unha débeda cos Corpos e Forzas de seguridade do Estado. Os gobernos non están sendo xustos cos cidadáns encargados de velar pola seguridade e liberdade de todos. Policías que incluso perden á vida defendendo estes dereitos.
O Goberno español, sexa do signo que sexa, está obrigado a escoitar aos seus policías, a dotalos dos medios axeitados para levar a cabo o seu traballo cotiá, a asignarlles un salario digno, a acordar, cos representantes sindicais, un sistema democrático que rexa ás súas actuacións, sen mordazas.
Unha sociedade moderna, xusta, democrática e tolerante, non pode ter nesta situación aos encargados de velar pola súa seguridade e liberdade. A esperanza é o último que se perde. Máis, á vista do acontecido nos derradeiros anos, confésome pouco ilusionado cara ao futuro.
Dicía Einstein que hai unha forza motriz máis poderosa que o vapor, a electricidade e a enerxía atómica: a vontade. Ata de agora, ningún destes políticos a puxo en práctica.