Beatriz Suárez-Vence Castro
Digalego
Hai que tratar ben o idioma. E falalo. Non por imposición, senón porque a un lle sae de dentro. Cando lle peta e o sente.
O galego ten un son doce, agarimoso, pódese caseque paladear, coma un bo viño. Por iso hai que coidalo, facelo convivir co outro idioma, o castelán, en total liberdade, porque temos o privilexio de ter dous idiomas fermosos.
Neste ano que escomeza, a Xunta vén de aprobar unha nova versión do dicionario dixital: Digalego, actualizado, con máis de 6.500 entradas e gratuíto.
O acordo acadado entre a editorial Ir Indo, A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Conselleria de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fai posible que o dicionario estea xa a disposición de todos os que queiran consultalo, no enlace digalego.xunta.gal. Tamén pódese acceder a él a través do Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
Axúdanos coas conxugacións verbais, as formas que non son correctas e que as veces usamos sen querer, e pódese buscar directamente dende outros idiomas, entre eles o chinés. Un meritorio traballo de máis de vinte anos, que agora xorde de novo.
Non está reñido falar o noso galego de sempre, o que oímos dende nenos, co uso do galego normativo. Ambos compleméntanse. Na miña opinión, o primeiro achega viveza ó segundo, e este fai unha criba no primeiro de palabras que non son realmente galegas. Tamén é bonito escoitar as variedades que se dan segundo as zonas das diferentes provincias.
Non é xusto facer un uso político do idioma coma se fose patrimonio duns poucos, dunha determinada tendencia nin ser sospeitoso por falalo se non pertences a ela. O galego, coma o castelán, como todos os idiomas é de todos e a súa utilización ten que servir para unir xente e culturas; en ningún caso como barreira de separación.
O castelán e un dos idiomas máis falados no mundo: O terceiro, despois do inglés e do chinés. Tamén o galego pode ter vocación de universalidade, sempre que respectando o idioma, respectemos a quen o fala e a quen se esforza por facelo, ou simplemente a quen non sabe falalo pero o escoita tentando entendelo.
Cambiar ó castelan unha conversa, se o interlocutor ten dificultades para entendela, tampouco debería ser entendido como unha traizón ó galego. A convivencia na diversidade é riqueza.
Digalego ten vocación de espallar o noso idioma "polo mundo adiante" e posibilitar o seu coñecemento dende outras linguas, integralo desde fóra, e axudarnos a darlle un mellor uso, desde dentro.