Antón Masa
PrepotEnce
Seguindo unha das súas máximas de comportamento, ENCE ameaza ás autoridades administrativas e ás institucións locais –e, ao tempo, ao conxunto da cidadanía da comarca pontevedresa- con non instalar unha planta de biomasa en Lourizán e levala a Huelva. Trátase, evidentemente, dun novo intento empresarial de forzar ao goberno central para que tome a decisión de concederlle a prórroga da actual concesión máis aló do 2018. E, máis unha vez, xoga coa hipotética e enganosa creación de emprego directo e indirecto (semella que desta volta non hai emprego inducido!).
Non se pode negar, desde logo, que a prepotencia de ENCE é ilimitada, coma ilimitada é a capacidade para chantaxear e enganar á poboación. Abonda con dicir que se trata dunha planta de biomasa que aínda non está concedida a ENCE de forma definitiva e que –de acordo co recollido nos xornais onubenses- a empresa asegura naquela comarca que será instalada en Huelva sen ningún tipo de dúbidas, vendendo tamén alí a creación de postos de traballo.
Semellan descoñecer os representantes empresariais de ENCE que en Pontevedra non queremos máis promesas de ENCE, que só agardamos un comunicado que poña fin de forma definitiva e irrevogábel a actividade da empresa na nosa Ría, porque só así será posíbel o desenvolvemento económico da comarca e a creación de emprego de calidade; porque ENCE, lonxe de ser a solución, é parte fundamental do problema. E así o deben entender tamén as autoridades locais, que deben impedir con todas as armas no seu poder a instalación da hipotética planta de biomasa en Lourizán, como se fixo no seu momento coa pretendida planta de papel tisú. Prepotence? Non grazas!