Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Fariña'
Fariña é o primeiro libro publicado polo xornalista coruñés Nacho Carretero. Estamos ante unha obra de xornalismo de investigación, na que se analiza o fenómeno do narcotráfico en Galicia desde as súas orixes no contrabando até a actualidade.
O libro comeza cunha descrición que explica o modo en que as condicións xeográficas influíron á hora de crear unha rede paralegal, que permitiu que a finais do século XX desembarcase polas costas galegas o 80 % da cocaína que chegaba a Europa. Desde os náufragos de buques mercantes na Costa da Morte, ao estraperlo na Raia Seca e o Baixo Miño durante a posguerra. A partir de aí, o tabaco de contrabando na década de 1960 e a cocaína nos anos oitenta.
© Libros del KO
O autor retrata o modo en que o tráfico de cocaína mudou Galicia no ámbito social, económico e político. Ás condicións xeográficas uníase un atraso económico endémico, o que provocaba non só tolerancia cara aos beneficios económicos do contrabando, senón tamén admiración e aspiración social. Isto dábase nun marco de impunidade debido ao desleixo e mesmo complicidade das forzas de seguridade, que se estendeu despois á clase política.
Carretero amosa a situación en base ás entrevistas realizadas ás persoas que viviron o conflito en primeira persoa, como pilotos de planadoras, xuíces, policías, familiares de toxicómanos ou os propios narcotraficantes. Tamén recolle as vivencias dos seus precursores, os xornalistas que no seu momento trataron o tema. A eles rende homenaxe con fondo agradecemento. Recolle a versión de protagonistas arrepentidos que pasaron a colaborar coa xustiza, pero falta -claro- a opinión dos políticos e axentes de seguridade corruptos que permitiron chegar á situación narrada.
Resulta curioso ver como os narcos teñen o seu punto de orgullo. Hai vinte e cinco anos era común ter fachenda dos cartos obtidos, e era común ver presuntos mariñeiros con coches deportivos, tendeiras con xoias caras ou desempregados con chalés de xeito. Comentaba o autor que o orgullo segue presente. Ao parecer o libro está a ter boa acollida en cárceres como o da Lama, e seica houbo quen se enfadou por non aparecer citado.
© Libraría Paz
Fariña é xornalismo literario en estado puro. O libro está inzado de anécdotas divertidas, malia darse nun contexto tráxico. Zulos en lugares inimaxinados, conversas enxeñosas e situacións inverosímiles axudan a que a obra se converta non só nun mero relato xornalístico, senón unha obra narrativa, unha novela onde en ocasións a realidade supera a ficción.
Un dos aspectos máis interesantes é a absoluta actualidade. Fálase de detencións e incautacións levadas a cabo no propio 2015, e dos numerosos procesos abertos. Por outra banda, cómpre destacar a coidada edición do libro como artefacto. No seu exterior inclúe unha faixa despregable con mapas, diagramas e gráficos. No interior do libro hai apéndices que explican os clans que operan nos diferentes lugares, e as afinidades entre eles.
Fariña (Libros del KO, 2015)
368 páxinas. ISBN 9788416001460