Beatriz Suárez-Vence Castro
Outras rúas
Pontevedra non é só Casco Vello e Benito Corbal. Ten sorpresas en cada recuncho.
A rúa Cruz Gallástegui é pequena. Vai dende a rúa Blanco Porto ata a de Sagasta. Máis nova que moitas das rúas da nosa cidade, vén sendo algo así como a irmá fea de Benito Corbal, pero en realidade, ten moito que ofrecer. É ademais, en horas punta de febre compradora, unha alternativa perfecta para chegar a tempo a unha cita no centro.
Os seus establecementos, aínda que máis minoritarios en canto a volume de clientes, no son por iso menos interesantes.Ó contrario.
Hai tempo que se converteu en cita imprescindible para os estudantes de Belas Artes, grazas a Fotos Rodri, unha tenda especializada en fotografía. Nela ademais de vender cámaras, ensinan a manexalas e sacarlles todo o partido posible.
A semana pasada, uns globos de cor laranxa intensa nas farolas da rúa prometían algo bo, e facían manter o suspense ata saber de que se trataba. O pasado día 21 saímos de dúbidas: unha decena de comercios prestaban as súas instalacións á mostra de fotografía Orange Frame, na que novos creadores, alumnos da Facultade de Belas Artes, expoñen as súas obras, nun marco diferente. Todas elas son orixinais, atrevidas e suxerintes.
A miña favorita é a serie de seis fotografías de Xoana Pousa, que leva por título: Recetas de mamá. Como afrontar una realidad. A artista amosa unha situación dura, enfocada dun xeito esperanzador. Recórdanos que o sorriso non debe perderse nunca , porque fai todo máis levadeiro e, ademais, contaxia positividade á xente que nos quere.
Hai anos, a tenda Seven, un dos establecementos que participan na mostra, xa sorprendeu con maniquíes reais no seu escaparate e segue marcando a diferencia coa decoración, tempada tras tempada, na que se suma á corrente vintage e industrial, sen restar protagonismo o produto: roupa de espiritu para a mocidade e desenfadado.
As rúas pequenas, así coma o pequeno comercio, dan moito xogo.
Xoguemos.
A mostra de Fotografía Analóxica, Orange Frame, por Artistas Noveles da Facultade de Belas Artes estará presente na rúa Cruz Gallástegui ata o 31 de Xaneiro.