Francisco Freire Vila
Dende a barreira
O PSOE torea con Podemos (ou Podemos torea co PSOE), o PP valenciano torea coa corrupción e Fran Rivera torea coa súa filla, no entanto, é este o que se leva as orellas, as orellas dos tertulianos e articulistas que estes días ven alimentados os seus espazos comunicativos.
O taurino colgou a foto no Instagram e armouna, naceu de inmediato a polémica e con ela o debate tradición/irresponsabilidade. Eu creo que se aparecese toreando ao revés, coa vaca no colo, non se armaba tanto rebumbio. Canto me recorda o que pasou hai uns días con Bescansa no Congreso! Daquela tamén houbo polémica, a outra escala, claro. Que fácil o tiña o diestro simplemente con xustificar que estaba conciliando a vida familiar e laboral! Entón si sería un heroe e un exemplo.
Quizais sexa tamén pola conciliación polo que mandaron aos de Podemos ao galiñeiro do Congreso, seguro que quen fixo o reparto pensou que se se lles dá por traeren os seus retoños, alá atrás polo menos non distraerán tanto ás súas señorías. Porque nesta lexislatura vaise necesitar moita concentración, concentración do que se di, de como se di, quen o di, a quen llo din...; de entrada xa se miran receosos uns aos outros: como visten, como se peitean, se se asean...
Concentración é o que poden pedir os corruptos que van ocupando sitio no cárcere, de momento, o PP valenciano xa conseguiu número suficiente para formar grupo propio.
En fin, a praza promete...