Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 21ª xornada
Xornada interesante polos resultados producidos. Pola parte alta da clasificación vemos que o atoamento xa é menor e hai equipos que pola súa traxectoria e potencial van quedando fóra da roda dos aspirantes ao ascenso.
O resultado máis significativo foi o conseguido polo Pontevedra en Cangas, porque fai nove puntos de nove posibles nunha semana ao gañar o mércores ao Villalonga, antes ao Rápido e nesta xornada ao Alondras, co que se engancha ao grupo dos mellores. Non podía fallar e conseguiuno; pola contra o Alondras ve como as súas posibilidades quedan limitadas ao poñerse a nove puntos do cuarto.
Do grupo dos favoritos só fallou o Compostela que, por primeira vez dende que chegou Fredi, sabe o que é perder e o fixo contra un equipo en refacho, o Dorneda, que dos últimos quince puntos conseguiu once, que o aúpan á posición décimocuarta.
A parte baixa da clasificación complícase e para moitos. Por un lado vemos como o Dorneda sae da zona de descenso e logo nos encontramos cun Bergantiños que, por segunda xornada consecutiva, gaña no tempo de desconto e deste xeito fai seis puntos que son moitos puntos para un equipo instalado toda a tempada no furgón de cola da clasificación.
Como resultado destes marcadores, equipos que estaban en terra de ninguén teñen que empezar a preocuparse e sumar canto antes os puntos que lle dean a tranquilidade necesaria, para non se ver con problemas na recta final do calendario.
Como partido destacado para a próxima semana volvemos elixir o Pontevedra-Cerceda, dúas escuadras que están en boa dinámica de resultados e que se presentan como claros candidatos a desbancar aos que figuran na actualidade.
REXIONAL PREFERENTE
Unha semana máis, e xa van unhas cantas, os de cabeza volven fallar ou polo menos a non sumar os tres puntos en xogo.
O resultado do Sanxenxo é sorpresa entre comiñas. Atención ao Lalín da segunda volta cos reforzos chegados do Negreira de Toño, Dani Méndez e Matelo. Os tres volven á casa e son importantes xogadores para a categoría.
Por outro lado o empate do colíder Cultural de Areas ten o seu valor ao quedar por tempo superior a media hora en inferioridade numérica; o que sorprende menos é que nos seus enfrontamentos haxa moitos goles, cos deste domingo xa son 77 goles (50 a favor e 27 en contra).
O terceiro en discordia, o Portonovo conseguiu un punto importante como visitante e fíxoo ante o Arosa, ao que deste xeito supera en oito puntos e ademais co engadido do parcial.
Pola cola máis atoamento aínda; dende o Pontevedra B ata o Arenteiro todos están inmersos de pleno na zona de descenso e, como comentamos, atención ao Lalín e ao Marín que co empate de onte (no desconto e de penalti) xa son oito partidos sen perder.
Tropezóns do Pontevedra B e iso que dispuxo de máis dunha hora en superioridade numérica.
E para a semana que vén un Portonovo-Ribadumia. Para os locais confirmarse ante un rival nun momento doce (catro vitorias consecutivas). Recordemos que o equipo de Ricardo aínda non sabe o que é perder como local, e os de Gabi Leis aínda non dixeron última palabra.
21.01.2013