Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Corre, hombre, corre'
¡Corre, hombre, corre! é unha novela negra do escritor estadounidense Chester Himes. Como boa parte da súa obra está ambientada en Harlem, o barrio negro de Nova York. Foi publicada en 1966, e está cargada de dramatismo.
Non pertence á saga dos detectives Coffin ("ataúde") Ed Johnson e Grave Digger ("sepultureiro") Jones. Neste caso o protagonista é Walker, un policía branco que nunha fría noite de inverno perde o control no medio dunha borracheira. Jimmy é un home negro que de socato se ve ameazado por Walker, e tras pensar por un momento na idea de facerlle fronte, decide pórse a salvo cunha premisa clara: "Corre, home, corre!". Comeza así unha carreira de violencia salvaxe, unha feroz persecución dun home inocente que se atopa no punto de mira.
Walker é un personaxe en certo modo arquetipo: policía perdedor e corrupto, solitario e amargado, sen medo enfrontarse á morte. Recorda aos policías de obras de Jim Thompson como o Lou Ford da novela O asasino que hai en min (1952) ou o Nick Corey de Pop. 1280 (1964). Non ten reparos á hora de matar a quen se lle poña por diante e procura evitar a investigación dos seus superiores mediante traballadas coartadas.
É unha novela urbana, recomendada para todas aquelas persoas namoradas de Nova York. Aínda que a trama está centrada en Harlem, a acción desenvólvese por toda a illa de Manhattan. A través dela achégase unha forte análise sociolóxica, con descricións detalladas polo miúdo de numerosos oficios, tanto diúrnos -casas de comida, salóns de peiteado- como nocturnos -recollida do lixo, pubs-. Reflíctese tamén a situación política de mediados do século, coa caza de bruxas promovida polo senador anticomunista McCarthy.
A cidade aparece debuxada a través da súa música e dun percorrido polo miúdo polos locais comerciais das rúas e avenidas, prestando atención aos medios de transporte tanto públicos como privados. Están tamén descritos os espazos interiores, desde as vivendas e os espazos comúns dos bloques de edificios, até a cociña e a despensa do restaurante onde comeza a acción.
En 1953 Himes comezou a pasar longas tempadas en Francia, e tres anos despois instalouse permanentemente en París, fuxindo da incomprensión nos Estados Unidos, onde era odiado a partes iguais por brancos e por negros: na súa obra non só aparecen os brancos como explotadores e culpables da segregación, senón que os negros tamén son delincuentes, que non dubidan á hora de estafar ou matar os seus irmáns.
En Francia comezou a publicar novela negra animado por Marcel Duhamel, quen traducira as súas primeiras obras. Deste modo, o texto foi publicado antes en francés ca en inglés. En 1959 a novela publicouse co título de Dare-Dare, e a edición inglesa non aparecería até 1966.
Foi traducida ao castelán por Áxel Alonso Valle, e publicada en edición de peto por Akal, cunha introdución ben interesante do propio Alonso sobre o proceso de tradución do texto. Himes adoitaba pór na boca dos seus personaxes a xerga particular da comunidade afroamericana, o dialecto propio dos negros. Ao respecto, Chester Himes distinguía perfectamente os diferentes rexistros lingüísticos empregados segundo a capa social a que pertencesen os personaxes.
A difusión da obra de Chester Himes alcanzou grandes cotas. Varias das súas novelas foron levadas ao cinema, e a propia ¡Corre, hombre, corre! foi adaptada a cómic en 1986 polo barcelonés Florenci Clavé. Con todo, até o momento ningunha das súas obras foi traducida ao galego.
© Ediciones Akal
¡Corre, hombre, corre! (Akal, 2012)
256 páxinas. ISBN 9788446035138