José Freire
Xa era hora
Desde o 17 de xullo de 2015, a Xefatura Superior de Policía de Galicia atopábase, como se diría en linguaxe eclesiástica "en sede vacante". Quedaba atrás un ano para esquecer, baixo o mando do Comisario Eusebio Fraguas, cuxo cese solicitaran as organizacións sindicais en mais dunha ocasión, ao que reprochaban falta de colaboración e de diálogo, e responsabilizábano da diminución de eficiencia na citada Xefatura, do malestar entre os funcionarios policiais pola adxudicación de determinados postos de traballo, ademais da ausencia de melloras na dotación de medios materiais e estruturais, así como de aumento de persoal. Todo menos un exemplo do que ten que ser un bo xestor.
Tras oito meses cunha xefatura superior en funcións, co que iso supón de falta de impulso que o seu titular debe darlle ao órgano que dirixe, e non tras moitas vicisitudes, idas e vindas, o Ministerio do Interior designa ao Comisario Principal, Manuel Vázquez López, coñecido no ambiente policial por "o Fiti", pola súa forma de conducir, como novo Xefe Superior de Policía de Galicia.
Trátase dun galego dunha aldea próxima a Sarria, que ademais se sente galego de verdade, pero que a súa vida profesional conduciuno a desenvolver o seu traballo noutras latitudes do territorio nacional. Barcelona, San Sebastián, Coslada e sobre todo Madrid, foron algunha das localidades onde tivo a posibilidade de demostrar as súas calidades profesionais, en ámbitos moi diversos da función policial.
Neste senso quedaríame con tres materias nas que sobresaíu e obtivo soados éxitos na loita contra a delincuencia. Por unha banda na súa estadía como Inspector na Comisaría Xeral de Información, colaborando activamente na loita contra a banda terrorista ETA, por exemplo coa desarticulación do Comando Madrid ou a detención da coñecida como "a Tigresa". Por outra, o seu paso pola Brigada de Investigación Tecnolóxica, intervindo na desarticulación de bandas ou grupos relacionados ca pornografía, pedofilia ou cartóns de pago, chegando a intervir en diversos foros sobre ciberdelincuencia, como o Foro Internacional celebrado en Santiago de Compostela.
Pero por se algo se caracterizou e adquirido certa notoriedade, cuestión que me consta non lle gusta, é polo seu paso como Xefe da xa moi coñecida UDEF (¿que coño é a UDEF dicía Pujol?, agora xa o sabe), labor que veu desenrolando desde mediados do ano 2012, en casos tan variados e que afectaron a dereita e esquerda, arriba e abaixo, como a Gurtel, Pujol, Vital Dent, branqueo de clubs de alterne, cursos de formación en Andalucía, financiamento Podemos, intervención no Concello da Coruña e un longo etc. Por iso é polo que non se entenda esa teima dalgúns sectores de medios de comunicación de que, o seu nomeamento como máximo responsable da Policía en Galicia, vénlle dado precisamente como premio ás súas investigacións en contra ou a favor de alguén. Pola mesma razón tamén se podería pensar que lle dan este posto para sacalo do medio.
Nin unha cousa nin a outra. Foi a súa folla de servizos, a súa profesionalidade e a súa vontade de terminar a súa carreira profesional como máximo responsable da policía na súa terra natal, as que inclinaron a balanza ao seu favor.
Persoalmente é un home sinxelo, afable, ata campechano diría eu, próximo aos subordinados, gústalle traballar en equipo e comunicativo, tal vez pola súa formación como Licenciado en Ciencias da Información.
É verdade que o listón lle quedou moi baixo. Aínda que é certo que Galicia é unha comunidade razoablemente segura, existen aspectos que deben ser mellorados. Para iso é fundamental a intervención dos encargados de levar á práctica a seguridade dos galegos: os funcionarios policiais. E hai que recoñecer que actualmente estes atópanse desmotivados pola escaseza de persoal, de medios de seguridade, de decisións caprichosas de certos mandos, dunha xornada laboral difícil de poñer en práctica, etc.
Neste labor de motivación que lle espera, será importante a presenza dos representantes dos traballadores da seguridade pública. Coido que Manuel Vázquez ten calidades dabondo para reverter a situación e devolver a ilusión aos policías nacionais de Galicia. A recado que estes o agradecerán. Pero sobre todo, serán os cidadáns quen saian gañando.
A boa fe, xa ía sendo hora.