Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Un ianqui na corte do rei Artur'
Un ianqui na corte do rei Artur é unha novela do escritor estadounidense Mark Twain. É unha das súas obras máis coñecidas, e foi publicada en 1889, cando xa era un autor de sona. Trátase dunha sátira das novelas de cabaleiros, especialmente as do escocés Walter Scott.
Hank Morgan logo de levar o golpe aparece transportado no reino de Camelot. Alí é tomado por un bruxo e condenado a morrer na fogueira. Porén, grazas aos seus coñecementos científicos sabe que vai ter lugar un eclipse de Sol, e consegue salvarse (este recurso emprégao tamén Tintín no cómic O templo do Sol, de 1949). A partir de entón faise pasar por un meigo, e convence ao rei para levar a cabo diversas reformas políticas. A este respecto existe unha gran crítica social. Opón a súa ideoloxía demócrata e republicana ao modelo feudal medieval, e confronta a visión protestante ao catolicismo da época.
Logra desenvolver varias tecnoloxías até converter a Inglaterra do século VI nun país industrial. Isto sérvelle para saír dos enredos en que se ve inmerso: desde o telégrafo até a bicicleta pasando polo periódico.
Se o protagonista é Hank, que se fai chamar "O Xefe", o antiheroe é o meigo Merlín. Aparece como un mentireiro sen poderes algúns, e os seus supostos trucos son desmontados de forma científica por Hank, que do mesmo xeito disfraza de maxia os seus coñecementos.
Mark Twain, amigo de Nikola Tesla e de Thomas Alva Edison, estivo sempre interesado nos avances científicos e tecnolóxicos. Como texto de ciencia-ficción Un ianqui na corte do rei Artur naceu case parello ao relato de H. G. Wells "The Chronic Argonauts", publicado sete anos antes da novela The Time Machine (1895).
No texto o autor demostra a súa versatilidade ao saber conxugar o relato histórico coa crítica social, que aparece non só nas aventuras de Tom Sawyer e Huckleberry Finn, senón tamén na súa novela póstuma O forasteiro misterioso. Arremete fortemente contra a superstición ou a escravitude.
O autor usa a técnica do relato contado: Mark Twain afirma que coñeceu un forasteiro que lle relatou os feitos. A novela escribiuna mentres vivía en Hartford, a capital do estado de Connecticut, e o título orixinal da obra en inglés é A Connecticut Yankee in King Arthur's Court. Foi editado en galego en dúas ocasións: a primeira en 1996 por Edicións Xerais, con tradución de Abel López Rodríguez e ilustracións de Ricardo Pérez Rilo; a segunda en 2013 da man de Carlos Acevedo, con portada de Marc Taeger.
A novela tivo varias adaptacións cinematográficas, desde a primeira en cine mudo de 1921, pasando pola comedia con forte carácter musical protagonizada por Bing Crosby (Tay Garnett, 1949), até dúas adaptacións de Disney: a de 1979, Unidentified Flying Oddball, tamén coñecida como The Spaceman and King Arthur, está dirixida por Russ Mayberry e protagonizada por Dennis Dugan, un astronauta que por accidente viaxa ao pasado cun androide.
Un ianqui na corte do rei Artur (Faktoría K, 2013)
438 páxinas. ISBN 9788415250500