Antón Masa
Ence non é a solución... é parte do problema!
Resulta absolutamente indignante ver como o Sr. Casal, director da fábrica de ENCE en Pontevedra, utiliza a demagoxia para tratar de minimizar a evidente responsabilidade da pasteira na contaminación da Ría e na destrución dos recursos naturais e dos postos de traballo nos sectores da pesca e o marisqueo; unha responsabilidade que vén de antigo pero que segue a ser realidade no momento actual.
Porque o Sr. Casal falsea a realidade cando afirma con absoluta rotundidade que é a contaminación fecal a única que ten provocado a situación actual no que ao traballo da xente que vive do mar; e fai unha lectura interesada da recente sentenza da Sala sexta do Tribunal de Xustiza da U.E. cando di que a sentenza sinala como único problema da contaminación ás “augas fecais domiciliarias”. Nada mais lonxe da realidade!
E sabemos ben de que estamos a falar porque –gústelle ou non ao Sr. Casal- a sentenza que nos ocupa ten a súa orixe na queixa 99/4473 presentada pola APDR diante da Comisión Europea. Só desde a absoluta ignorancia ou desde a mala fe se pode facer esta interpretación dunha sentenza que condena ao Estado español polo incumprimento da Directiva 91/271/CEE nunha zona sensíbel coma a Ría de Pontevedra. Porque a sentenza fala de “augas residuais urbanas”, concepto que non só inclúe ás augas fecais senón tamén ás industriais que –como no caso de ENCE- saen á Ría xunto coas domésticas.
E tamén ten que saber o Sr. Casal que cando a U.E. fala de “aglomeracións urbanas” está a falar tamén das “actividades económicas” que verten as súas augas residuais a través de colectores; é dicir, está a falar tamén de ENCE! Abonda con ler a directiva citada ou o Real Decreto Lei 11/1995 que traspón ao ordenamento español as medidas alí adoptadas. E pretende o Sr. Casal obviar todos estes aspectos, como pretende negar que os vertidos de ENCE posúen unha carga importante de coliformes que están a incidir, xunto cos de orixe fecal, na contaminación da Ría. Así o demostran as actas das dilixencias de inspección practicadas por Augas de Galicia nas augas de vertido de ENCE.
A sentenza condena ao Estado español pola falta de control sobre os vertidos domésticos e sobre os de ENCE, por iso non se pode permitir que ENCE fale agora de “poñer o seu grao de area” na solución dun problema que contribuíu a provocar. E ten razón o Sr. Casal cando di que as xentes do mar non poden seguir pagando a factura da contaminación que lles está a deixar sen o seu medio de vida; nin eles nin o resto das persoas que levamos xa demasiado tempo sufrindo a presenza do complexo ENCE-ELNOSA na nosa Ría, un complexo que ten data de caducidade no 2018 e que coa conivencia do PP pretende continuar destruíndo os nosos recursos e a economía da comarca 60 anos máis.
O mellor compromiso de ENCE coa cidadanía da comarca e coas xentes do mar, o único compromiso que agardamos do Sr. Casal a maioría dos veciños e veciñas, é o do cese definitivo da actividade industrial de ENCE en Lourizán.