Beatriz Suárez-Vence Castro
O sorriso de Son
Son foi a miña compañeira de Instituto. Iso quere dicir que seguimos vencelladas, porque os afectos e tamén as xenreiras que xurden durante eses anos, quedan con nós para sempre. Continuamos o contacto ó longo do tempo de xeito intermitente, por amigos comúns, pero sempre soubemos unha da outra e, recentemente, o Facebook voltounos unir con inquedanzas semellantes, que compartimos nas nosas biografías.
Moitas cousas pasaron pola vida das dúas dende a primeira vez que nos vimos estreando aulas na adolescencia: noivos, fillas, separacións, pais que se van, vodas de amigos, mudanzas…
Agora pola vida dela está a pasar o cancro. O cancro de mama. Como tantas mulleres, ten o inimigo dentro do corpo. As estatísticas din que unha de entre oito mulleres terá cancro de mama nalgun momento da sua vida. Tampouco os homes, aínda que nunha pequena porcentaxe, "záfanse" del. Eu mesma coñecín un paciente masculino deste tipo de cancro que sofrera daquela tres operacións e continuaba recibindo tratamento.
Cando o cancro ven, quere quedarse con todo o noso: O tempo, as ganas, as ilusións e mesmo as conversas. Quere ocupalo todo. Quen o sofre ten que converterse nun heroe para aturar as sesións de quimio, os efectos adversos, a dor que vai de dentro a fóra. Ten que botar a pena que leva e o mesmo tempo, manter unha actitude positiva.
O Positivismo neste tema tense que manexar con moito coidado, porque pretender que alguén sexa positivo ante este tipo de novas pode ocasionar unha esixencia engadida que supoña máis presión no enfermo e certo sentimento de culpa se non consegue atopar a tan demandada positividade.
Está ben percorrer a unha actitude positiva pero esta é unha parte do proceso total no que vai haber renuncias e perdas, ás que o enfermo terá que ir adaptándose pouco a pouco. A alegría non é a emoción lóxica cando nos din que temos cancro, outra cousa é que en medio da tristura atopemos a forza necesaria para sobrepoñernos a ela e o sorriso vaia ocupando de novo o seu lugar no labirinto de emocións que supón unha nova así.
Os heroes que non teñen superpoderes e loitan cada día para poñerse en pé a pesar da fatiga, son os máis valentes.
O pasado 15 de abril o Auditorio Municipal de Cangas acolleu un espectáculo de humor, organizado pola ONG Ayuda contra el Cáncer para chamar a atención sobre a necesidade da prevención. Un control médico de rutina pode salvar unha vida. O Auditorio debeu encherse pero non foi así. Quedaron moitos asentos baleiros. Nembargantes achegouse xente de lonxe do Morrazo só para estar alí aquela noite.
O noso grupo do instituto, de agora, estivo alí con Son, que ademáis vive en Cangas, e tivo e ten sempre moi presente o humor na súa vida. Ela sabe que a risa é o mesmo tempo espada e escudo, e riu alí, na cara do monstruo para ser quen de espantalo. As veces aínda que non o conte porque non fai falla, tócalle chorar, e as bágoas tamén están na mesma loita. Tamén curan.
A prevención, as revisións, a visita ó médico aínda que non apeteza e a responsabilidade que supón unha rápida actuación dos propios doutores ante os primeiros síntomas do que pode ser un cancro, as axudas á investigación e mesmo o feito de pronunciar a palabra sen máis medo do que merece: Can- cro. Todo contribúe a que algún día podamos conseguir o desexo de erradicar a enfermidade para sempre. De seguir debuxando sorrisos no rostro dos que esperan. Sorrisos coma o de Son.