Francisco Freire Vila
A economía do ben común
Estamos tan afeitos ou apampados co devastador sistema económico capitalista que non nos damos conta de mirar cara a outras alternativas. Estes días rematei de ler a interesante proposta de modelo económico de Christian Felber que dende o ano 2010 miles de cidadáns, políticos, asociacións e empresas de dez países, entre eles España, estanse comprometendo con esta iniciativa.
A diferenza fundamental co caduco modelo capitalista estriba en que o obxectivo das empresas non é conseguir o maior beneficio económico, senón cooperar para conseguir o maior ben común para a sociedade no seu conxunto. O éxito económico non se mide polo balance financeiro senón polo balance do ben común, é dicir, non se mide cos indicadores de valores de cambio (moeda), senón con valores de utilidades sociais (dignidade humana, solidariedade, xustiza, sostenibilidade medioambiental e democracia), mais tamén con outros como a utilidade dos produtos ou servizos, condicións laborais dos traballadores/as, reparto dos ingresos, etc. O beneficio financeiro pasa de fin a medio e serve só para lograr o novo obxectivo das empresas.
A intención é que a puntuación do balance do ben común que xenere unha empresa figure nos seus produtos e servizos segundo un código de cores, ao lado do código de barras, así os consumidores teremos dunha soa ollada a información sobre o grao de compromiso da empresa co ben común. Isto é, sería un mercado transparente xa que podemos saber se o produto que imos mercar foi fabricado con métodos sostibles, se é de procedencia local, se as mulleres da empresa perciben o mesmo soldo cós homes, etc.
O concepto de banca neste novo sistema económico tamén cambia, pasa a ser unha banca democrática. Serve, como todas as empresas, ao ben común e polo tanto os seus servizos básicos son garantir activos de aforros, as contas correntes sen custos, os préstamos de baixo interese, os préstamos ecosociais de risco, etc. Os mercados financeiros na súa forma actual deixarían de existir.
Por outra banda, na economía do ben común o dereito á propiedade ten unha xusta limitación que neutraliza o progresivo enriquecemento e crecemento tanto de individuos como de empresas: limitación relativa da desigualdade de ingresos, limitación do patrimonio privado, limitación do tamaño dos bens das empresas e limitación do dereito de herencia.
Pero a economía do ben común amplamente implantada tería repercusións moi positivas neste Estado de Malestar tamén noutras áreas como a educación, o emprego, a política, a xustiza, a natureza... e o máis importante, na felicidade das persoas. Quédanos moito por facer para sermos un Estado de Benestar! Para empezar, ti podes comprometerte coa economía do ben común!
Benquerido lector ou lectora despois de leres estas liñas deixa voar o teu maxín uns minutos e reflexiona sobre como cres que sería: A política do ben común.
Máis: www.economia-del-bien-comun.org
Christian Felber, La economía del bien común, Ed. Deusto, 2012
28.01.2013