Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Ons'
Ons é o segundo libro do escritor Carlos Meixide. Trátase dunha novela de aventuras protagonizada por catro adolescentes, ambientada nun verán na illa que dá título á obra.
A comezos de xullo, Roi e Suso nativos da illa agardan a chegada a Ons de Anabel e Fátima, dúas curmás da Coruña e Guitiriz. Axiña comezan unha aventura ao descubrir un cadáver na praia de Melide, que o garda civil da illa se ocupa de facer desaparecer no Buraco do Inferno. Tirando do fío, descobren que a morte está relacionada con outra que acontecera en Coia en 1972, no marco das folgas do metal.
Ons aparece como espazo literario propio para unha aventura adolescente: persecucións en bicicleta, unha cadela como mascota acompañante, acampadas nocturnas e o faro. Xunto aos espazos abertos, hai acción nos dous barespensión da illa, onde ten presenza importante o imprescindible polbo á feira. Como en moitas outras novelas de aventuras adolescentes, tamén é importante o papel xogado polos adultos: xunto aos pais, as nais e o avó dun deles orfo, aparecen a fareira, o sarxento da Garda Civil e unha parella de turistas madrileños, que achegan un toque de humor ao ser caracterizados con certos tópicos.
Afortunadamente hai ausencia de tabús con respecto a temas como o amor, o sexo, o alcohol e a propia morte, algo que era silenciado ou tratado de forma "amable" na literatura infantil e xuvenil de décadas anteriores.
Carlos Meixide publicara anteriormente O home inédito a primeira novela galega editada directamente na rede, Primavera, e o libro infantil A miragaia. É coñecido polo seu traballo como actor, formado na Sala Nasa. En Pontevedra tivemos a oportunidade de velo en xuño de 2015 no Liceo Mutante coa súa obra No pensar, no que facía o papel de Mariano Rajoy. Tamén é membro do dúo humorísticomusical Os da Ría xunto a Tomás Lijó.
Nas presentacións do libro que está a levar a cabo o autor poden contemplarse unha serie de acuarelas da pintora María Meijide, autora do deseño da portada e a contraportada.
Ons (autoedición, 2015)
164 páxinas. ISBN 9788416121359