Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Herdeiros pola forza'
Herdeiros pola forza é un ensaio de carácter divulgativo, escrito a catro mans polo arqueólogo Xurxo Ayán e o xornalista Manuel Gago. Foi publicado no ano 2012 por 2.0 editora, co subtítulo de Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI.
Na obra faise unha análise da xestión do patrimonio cultural galego cunha forte perspectiva crítica, e mesmo autocrítica. Os temas tratados abranguen diferentes temáticas, como a destrución do patrimonio e o expolio material, o imaxinario popular ou o sectarismo profesional. A persoa lectora vese obrigada a reflexionar desde o inicio até o final, pois a obra remata cunha pregunta ben interesante: e agora que?
O texto está estruturado en catro bloques: unha análise histórica da relación entre o pobo e o seu patrimonio, unha denuncia da situación actual de xestión elitista á marxe do pobo, e unha proposta de participación activa das xentes á hora de pór en valor a cultura propia. Tradicionalmente o patrimonio material e inmaterial foi fonte de contos e lendas populares arredor da súa orixe, pois cada mámoa, petróglifo, poboado castrexo ou pedrafita tiña a súa relación co territorio.
O título, ben ilustrativo, remarca o papel da sociedade civil ao longo da historia á hora de asumir o rol de propietarios e xestores da súa propia cultura. Deféndese unha participación activa dos habitantes da zona onde se leva a cabo unha escavación arqueolóxica, fronte aos intereses por defender un modelo interesado.
Amais das trabas burocráticas e as dificultades no financiamento dos proxectos, denuncian pouco rigor científico e histórico por parte das administracións e certo secretismo e paternalismo por parte dos profesionais. A análise da situación galega confróntase cos modelos irlandés e andaluz de catalogación e difusión, e fálase tamén da arqueoloxía dos procesos históricos da idade contemporánea, como a escavación de fosas da guerra civil.
O libro está composto por pequenos artigos que contan cunha forte presenza do humor, o que facilita a lectura. Por outra banda, o texto está acompañado de numerosas imaxes ilustrativas e mesmo códigos QR que levan a ligazóns web de interese. Mesmo se fixo un vídeo da presentación do libro.
Tanto Manuel Gago, autor do blog Capítulo 0 (o máis antigo en galego) como Xurxo Ayán, colabo-rador do diario dixital Galicia Confidencial, son bos comunicadores e saben facer divulgación mantendo un discurso técnico e científico. Cando colaboraron en proxectos arqueolóxicos, como a escavación da Torre dos Mouros en Carnota, souberon poñelos en valor coa creación de webs, a difusión nos centros educativos locais e mesmo coa creación de merchandising.
Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI. (2.0 editora, 2012)
254 páxinas. ISBN 9788493868390