Beatriz Suárez-Vence Castro
O muíño dos Gafos
No parque do río Gafos hai un muíño esquecido. Poderíaselle dar unha vida mellor de acometerse as obras de restauración que necesita. Sería ideal para ubicar un quiosco onde os nenos e mailos donos dos cans que os levan pasear pola beira do río atopasen refrescos, agora que se acerca o verán, e tamén un lugar onde reunirse despois do paseo. Ten unha parte engadida que afea bastante a súa estampa de muíño fermoso de pedra, que no seu tempo funcionaba grazas á forza da auga.
Como caseque todas as construcións que non se coidan está a esmorecer. Vaise deteriorando pouco a pouco e, ó mesmo tempo, estase a converter en foco de “trapicheo”, destino este que fai alonxarse as familias da zona, perdéndoa como lugar de esparcemento. Unha mágoa porque as posibilidades que ofrece o muíño son moitas. Merece un uso moito mellor que o actual.
O seu emprazamento está cerca do centro da cidade, á vista de todos. É un deses pequenos tesouros ó que non se lle da o valor que ten.
Despois de oito anos de abandono, a Xunta de Galicia vaille dar destino ao edificio do que é propietaria na rúa Benito Corbal, que quedara en desuso por mor da creación do Complexo Administrativo de Campolongo. Vai albergar, nos primeiros andares, servizos autonómicos, agora dispersos en locais de aluger, e deixará a disposición do Concello, da Universidade e máis das entidades de interese social e sanitario interesadas, o resto do inmoble.
Algo similar, aínda que loxicamente cun uso máis modesto, poderíase facer co vello muíño que no seu momento foi obxecto de expropiación a un particular por parte do Concello, que é agora o responsable da edificación.
De seguro a pequena construción ten interese tanto dende o punto de vista dos profesionais da arquitectura como dos veciños das rúas que conforman O Gorgullón e Eduardo Pondal, principalmente, e dos pontevedreses en xeral.
Sería tamén un exemplo cercano das nosas construcións tradicionais, para que os nenos e os maiores puidesen coñecer, fóra das rutas habituais onde se atopan normalmente estes muíños, unha forma de traballar non tan lonxana no tempo, na que se aproveitaban os recursos naturais como fontes de enerxía renovables. Fóra das aulas, sinxelamente observando o que temos máis preto, pódense aprender tamén moitas cousas.
O Concello ten, co noso muíño, tan bonito e tan maltratado, unha tarefa pendente.