Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 22ª xornada
Botando unha ollada á clasificación parece xa que o da fase de ascenso é cousa de seis equipos para tres prazas.
Se xa o tiña bastante claro o Rácing de Ferrol, coa vitoria en Santiago e o tropezón do Celta B, o camiño cara a esa tan valorada primeira posición teno máis que despexado.
Dos perseguidores os máis beneficiados foron Somozas e Cerceda, que coas súas vitorias como visitantes gañan terreo aos outros opositores a esas posicións de ascenso.
O máis prexudicado foi o Pontevedra que viu de forma xusta como o Cerceda lle arrebataba un punto no desconto e de enorme valor. O punto para o Pontevedra, polo presenciado onte en Pasarón, era dun valor importante por varios motivos; primeiro por ter un punto máis, segundo por gañalo a un rival directo, co que o parcial agora está igualado, e terceiro porque o Cerceda tería dous puntos menos, ese é o prezo que lle custou ao Pontevedra verse superado no último instante, nunha xogada das menos perigosas dos noventa minutos.
Pola cola, unha vez máis o Villalonga adiántase no marcador pero de novo non é capaz de manter a vantaxe conseguida, esta vez por un gol en propia meta. A verdade é que o que lle está a suceder ao Villalonga nos últimos partidos non é normal, pero isto é o fútbol e con estas cousas hai saber vivir.
A destacar a vitoria do Céltiga, que dende o 21 de outubro non saboreaba e tamén nesa ocasión contra un rival directo, Se a anterior foi contra o Bergantiños, esta ante o Negreira que é importante para a moral e para gañar os parciais que ao final de liga, poden ser definitivos.
Como partido máis atractivo da próxima xornada, inclinámonos polo Villalonga-Compostela. No caso dos locais para intentar confirmar esas boas prestacións que están a poñer sobre o terreo de xogo e para os visitantes para cortar ese último refacho, pois de gañalo todo pasaron a obter dúas derrotas consecutivas, ademais do aliciente de ver os novos xogadores asinados por ambas as dúas escuadras.
REXIONAL PREFERENTE
Aquí ao contrario que a semana pasada, os da zona alta da clasificación non fallaron, certo é que algúns con máis apuros dos esperados, caso da Cultural de Areas, que se fixo coa vitoria no último minuto e grazas a un penalti executado por José Arenas. Tampouco o tiveron doado Sanxenxo e Gondomar que gañaron pola mínima como visitantes. O único que non conseguiu a vitoria foi o Portonovo, pero certo é que tiña en fronte un equipo enrachado como é e segue sendo o Ribadumia.
Dos perseguidores dicir que ningún perdeu, pero é evidente que recortar co grupo de cabeza non foi posible.
Sorprendente, difícil de explicar e grave foi a derrota ante o Ponte Ourense do Marín; sorprendente porque o Marín estaba nun momento doce, con oito partidos sen perder, difícil de explicar polo avultado do marcador, nada máis e nada menos que un 5-0, e grave porque o Ponte só gañara un partido ata a data ou, dito doutro xeito, era un rival ao que case todos os equipos lle arrebataran os tres puntos.
A destacar a vitoria do USD Grove ante o Verín, que deste xeito toma aire e ve como lle complica ao rival a súa clasificación, ademais de conseguir a súa primeira vitoria no 2013.
E para a semana que vén duelo entre os dous primeiros clasificados, en Baltar de Arriba enfróntanse o Xuventú Sanxenxo e a Cultural de Areas. Do que suceda nese enfrontamento pódense beneficiar o Gondomar e o Portonovo para coarse nesas prazas que dan o ascenso directo.