Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Del Miño al Bidasoa'
Este mércores cúmprese o 100 aniversario do nacemento do Premio Nobel Camilo José Cela. Del Miño al Bidasoa é o seu segundo libro de viaxes, e foi publicado en 1952, catro anos despois de que aparecese Viaje a la Alcarria.
O texto ten a súa orixe nunha viaxe que fixera o autor en xullo e agosto de 1948, se ben a ruta orixinal foi desde Madrid até A Coruña, pasando por Ponferrada, Panxón e Santiago de Compostela. Cela publicou trece crónicas da peregrinaxe no xornal madrileño Pueblo en novembro dese mesmo ano. O libro apareceu en decembro de 1952, con ilustracións de Teodoro Miciano.
A acción iníciase o 29 de xullo, día de Santa Marta, na romaría que se celebra en Ribarteme (As Neves). Iníciase así un percorrido que o leva a Santiago de Compostela (pasando por Iria Flavia, claro), Ourense, A Coruña, Mondoñedo, Ribadeo, Navia, Luarca, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo, Bilbao, Plentzia, Getaria, Zarautz e Ursubil até finalmente chegar a Amaiur.
O vagabundo detense en eremitas, capelas, santuarios, igrexas e catedrais, pero máis como repouso, sen un transfondo relixioso. Hai tamén numerosas paradas en tabernas, como a do Cuco en Padrón, a do Asesino e Casa Negreira en Compostela, O Crego, Salto do Can e Ribadavia na Coruña, a rebotica en Mondoñedo ou a taberna de Tristán Balmaseda en Torrelavega. En relación coa rebotica, a terceira edición do libro foi feita en marzo de 1961 a cargo dun laboratorio farmacéutico, polo que incluíu a modo de introdución unha "Breve nota para médicos y farmacéuticos".
Resulta curioso analizar as comunicacións da época: vehículos con tracción animal atravesando os numerosos pasos a nivel, galiñas no medio da estrada, carreiras suicidas na Costa da Sal, autobuses de proximidades... Outros tempos acordes ao ritmo narrativo da viaxe: pousado e sosegado, coa posibilidade de desfrutar e coñecer o camiño.
A obra está narrada en terceira persoa, mais o protagonista -o vagabundo- é un trasunto do propio autor, que se descibe como orixinario da ría de Arousa. Amais de dous personaxes populares que atopa no camiño, hai personaxes identificables, como Álvaro Cunqueiro ou o pintor Ricardo Baroja. O libro vai acompañado dun censo de personaxes e un nomenclátor xeográfico. Moitos dos topónimos de Galicia, Asturias e o País Vasco aparecen castelanizados, mais aparece numeroso léxico en lingua galega, incluída unha disertación sobre o termo muiñeira.
En 1990 realizouse unha adaptación cinematográfica da obra, dirixida por José Briz Méndez. O papel do vagabundo estaba interpretado por Nicolás Dueñas, José Antonio Labordeta aparecía como DuPont e Manuel Lourenzo facía de Benitiño. Antonio Ferrandis facía a narración.
Del Miño al Bidasoa (Noguer, 1952)
276 páxinas.