Andrés Díaz Sobral
Carta ao señor Tourís do alcalde de Ponte Caldelas
Estimado señor delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra:
Na miña calidade de alcalde de Ponte Caldelas, e en nome do grupo de Goberno, composto polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, BNG e AVP, diríxome a vostede para manifestarlle o noso estupor por ter sabido a través dos medios de comunicación que o pasado día 9 dos correntes, reuniuse vostede cos concelleiros da Oposición para revelarlles o outorgamento dunha pequena subvención para obras de reparación parcial nos parques infantís de Xustáns e a vila. Non acertamos a entender a xustificación para tal proceder, que, ao noso xuízo, afástase moito dos principios inspiradores das relacións interadministrativas reguladas no noso ordenamento xurídico.
Moito lle agradeceriamos que nos aclarase os motivos deste comportamento e a difusión posterior de nota de prensa (do PP ou da Xefatura Territorial, tanto monta, monta tanto), incluída fotografía.
Observamos con decepción que comunicou vostede a dous concelleiros do Partido Popular, que non ostentan delegación algunha por parte desta Alcaldía, a resolución administrativa dun procedemento de solicitude de subvencións iniciado por este Concello. Cousa que fixo mesmo con anterioridade á notificación oficial á institución solicitante.
As tres forzas que democráticamente gobernamos Ponte Caldelas entendemos que a xuntanza no seu despacho tivo carácter oficial, ao igual que a revelación do outorgamento da subvención, pois de terse producido no marco dunha relación persoal sería aínda máis improcedente por canto que estaría vostede revelando, en beneficio alleo, datos oficiais que coñece por razón do seu cargo antes de seren públicos.
Como representantes de todos os caldeláns (con independencia da súa filiación política) gustaríanos que nos aclarase polo miúdo a circunstancia acaecida. E, en todo caso, se as resolucións dos procedementos iniciados polo resto dos concellos pontevedreses tamén se comunican con carácter previo (formal ou informal) á Oposición. Ou se isto depende da cor política.
Consideramos que, diante deste infortunado incidente, é necesario lembrarlle que os principios de Cooperación e Lealdade Institucional aparecen claramente reflectidos na Lei de Réxime Xurídico das Administracións e Procedemento Administrativo Común (30/92) e son de obrigado cumprimento, tal e como se ten acreditado en varias sentenzas do Tribunal Constitucional. Para máis abastamento, o actual Goberno en funcións do Partido Popular aprobou unha nova lei de Réxime Xurídico das Administracións (40/2015), que entrará en vigor o próximo mes de outubro e que no seu artigo 140, que lle invitamos a repasar, regula explicitamente a cuestión que nos ocupa:
Las diferentes Administraciones Públicas actúan y se relacionan con otras Administraciones y entidades u organismos vinculados o dependientes de éstas de acuerdo con los siguientes principios:
a) Lealtad institucional.
b) Adecuación al orden de distribución de competencias establecido en la Constitución y en los Estatutos de Autonomía y en la normativa del régimen local.
c) Colaboración, entendido como el deber de actuar con el resto de Administraciones Públicas para el logro de fines comunes.
d) Cooperación, cuando dos o más Administraciones Publicas, de manera voluntaria y en ejercicio de sus competencias, asumen compromisos específicos en aras de una acción común.
e) Coordinación, en virtud del cual una Administración Pública y, singularmente, la Administración General del Estado, tiene la obligación de garantizar la coherencia de las actuaciones de las diferentes Administraciones Públicas afectadas por una misma materia para la consecución de un resultado común, cuando así lo prevé la Constitución y el resto del ordenamiento jurídico.
f) Eficiencia en la gestión de los recursos públicos, compartiendo el uso de recursos comunes, salvo que no resulte posible o se justifique en términos de su mejor aprovechamiento.
g) Responsabilidad de cada Administración Pública en el cumplimiento de sus obligaciones y compromisos.
h) Garantía e igualdad en el ejercicio de los derechos de todos los ciudadanos en sus relaciones con las diferentes Administraciones.
i) Solidaridad interterritorial de acuerdo con la Constitución.
Á vista da flagrante vulneración non só do espírito, senón tamén da letra das leis promulgadas polo actual Goberno de España, pregámoslle que non se repita o sucedido, e que no sucesivo as resolucións que afecten a este Concello se reciban polas canles regulamentarias. Sen prexuízo de que, unha vez cumprimentada a obriga legal de resolver e notificar, adopte vostede as medidas de propaganda partidista que considere oportunas, pero que, na nosa opinión, non deberían estar mesturadas co cargo de representación institucional que ocupa.
E en cumprimento destes principios legais inspiradores da colaboración interadministrativa, anticipámoslle que as portas da Casa do Concello están abertas para esa Delegación Territorial e para os representantes de todas as Administracións que, a fin de contas, xestionamos competencias complementarias e/ou compartidas. Saiba tamén que como alcalde estou á súa disposición, sempre en beneficio dos intereses dos caldeláns.
Finalmente, quixera aproveitar a ocasión para volver reiterarlle a petición de axuda que xa lle realicei para que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, proceda, no marco das súas compentencias, ao arranxo integral da estrada autonómica PO-234 de Laxoso a Augasantas, ou o que é o mesmo, a estrada que une Ponte Caldelas con Cotobade. De acordo co falado con vostede, mantivéronse varias xuntanzas cos veciños e podo anticiparlle a súa boa vontade para ceder os terreos precisos na maioría dos casos. Unha vez recibido o proxecto no Concello (despois de insistir por dúas ocasións) remato invocando novamente os principios de Colaboración e Lealdade institucional para sacar este tema, que desperta unha forte sensibilidade social, adiante.
Sen máis, reciba vostede un cordial saúdo.
Andrés Díaz Sobral
Alcalde de Ponte Caldelas