Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Andrés do Barro. Saudade'
Neste maio, mes das letras, cómpre recordar unha figura que ben podería ser homenaxeada co Día das Letras Galegas. Andrés do Barro. Saudade é unha biografía escrita polo xornalista ferrolán Fernando Fernández Rego, e publicada en 2015.
O libro recolle a vida do cantante, desde a súa infancia e mocidade até a súa morte e o seu legado. Non se centra só no aspecto musical, senón que se citan tamén as circunstancias vitais de cada momento, que ao cabo marcaron o seu devir como artista. Desde a marcha coa súa familia a Bilbao, onde comezou a tocar a guitarra, pasando pola estancia en Madrid para estudar Mariña Mercante, a aventura americana, o regreso a Galicia e a súa morte en Madrid. Ao tempo, faise unha análise profunda de cada disco: as influencias musicais, a temática das letras, as peripecias da gravación ou os problemas coas discográficas. Amais fálase dos compañeiros de banda na súa primeira época, Los Sprinters.
Inclúe un prólogo de Andrés, o fillo maior do cantante, e para a redacción do texto o autor realizou entrevistas a Andrea (a filla maior) e Paula (a súa esposa). Malia estar escrito cunha evidente devoción, non se cae na mitificación da persoa. Fálase dos seus problemas co alcohol nas súas horas máis baixas, e da enfermidade que non quixo dar a coñecer en vida.
Máis alá da vida e obra de Andrés do Barro, o libro é interesante para coñecer a situación da industria cultural do momento: desde a necesidade de afiliarse ao Sindicato Nacional do Espectáculo na década de 1960, até os enganos por parte do seu representante, pasando polas súas incursións no mundo do cinema, a radio e a televisión.
Andrés do Barro foi primeiro en levar unha canción en galego á lista de éxitos en España con "Corpiño xeitoso" en setembro de 1970, que repetiu ao ano seguinte con "Pandeirada". Foi esa a súa época de maior éxito, acadado en parte grazas á súa presenza como protagonista canda a Concha Velasco no filme La red de mi canción, dirixido por Mariano Ozores.
Os recoñecementos feitos a Andrés comezaron nese momento, desde o saque de honra nun partido de fútbol entre o Celta e o Pontevedra CF en Balaídos. Porén, en certo modo caeu no esquecemento até que en 2004 se iniciou unha serie de homenaxes, coincidindo co 25º aniversario do seu falecemento, que culminaron no 2007 coa publicación do Manifesto Dobarrista, un disco no que trinta grupos galegos facían versións das cancións do cantante ferrolán.
O libro conta con numerosas imaxes -non todas de boa calidade, certamente- que ilustran o texto: de carácter familiar, de actuacións, de manuscritos e mesmo os carteis e portadas dos seus discos.
O feito de contar co apoio da familia e con abondosa documentación, fai desta unha biografía definitiva do cantante ferrolán, completada con información relativa á súa influencia e legado noutros grupos actuais.
Andrés do Barro. Saudade (Fernando Fernández Rego, 2015)
282 páxinas. ISBN 9788460694014