Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Terra Chá'
Terra Chá é posiblemente a obra máis coñecida de Manuel María, o poeta homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Como o propio título indica, o libro está adicado ás terras e as xentes desa comarca luguesa, de onde era o autor.
É un poemario fresco, cómodo de ler, dado a simpatizar e a querer ir visitar as terras que describe. No libro están incluídos dous dos poemas máis coñecidos do autor por seren musicalizados: "O cuco", ao que deu voz o pontecaldelán Suso Vaamonde, e "O carro", que acadou sona grazas á canción de Fuxan os Ventos.
A primeira versión foi escrita en agosto de 1953, cando o autor tiña vinte e catro anos e xa publicara outros dous volumes de poesía: Muiñeiro de brétemas (1950) e Morrendo a cada intre (1952). O libro saíu á luz da man Editorial Celta, dirixida por Francisco Esteban, con portada deseñada por Arcadio Romero Boelle e prólogo de Ánxel Fole. As seguintes edicións levaban portada de Luís Seoane e debuxos de Isaac Díaz Pardo. A primeira versión incluía cincuenta e cinco poemas breves. Xa na segunda apareceron noventa e dúas pezas, e a edición definitiva de 2002 incluía cento catorce composicións.
Manuel María bebe do poemario Do ermo de Noriega Varela (1920), do que toma o sentimento paisaxístico e a identificación coa contorna, así como un certo costumismo arredor da vida labrega e a consideración das persoas como unha parte máis da natureza. Os poemas líricos sobre a natureza non son narrativos, senón que neles aparece unha imaxe instantánea, unha descrición en que cada pequeno elemento parece cobrar importancia e acadar relevancia. Unha pataca, un grilo, un regato, unha zoca, o orballo.
O autor séntese parte da natureza, tanto da paisaxe como da paisanaxe. Son poemas cun certo neovirxilianismo, nos que loa a virtude das xentes labregas. Emprega a linguaxe popular, con castelanismos e dialectalismos. Hai tamén certo cultismo ao falar de eventos históricos ("Castelo dos Andrade") ou doutros poetas da súa terra.
Xunto con Do ermo, Terra Chá bebe tamén do poemario Os Eidos de Uxío Novoneyra (publicado en 1955), con quen coincidira no servizo militar. Estoutra obra está ambientada no Courel, e xunto con Terra Chá deron pé á súa vez á obra Bocarribeira de Otero Pedrayo (1958), onde fala de Trasalba. Todos estes tres libros son dunha poesía fortemente nominalizada, cunha gran presenza de topónimos.
Terra Chá (Editorial Celta, 1954)