Beatriz Suárez-Vence Castro
Arte e igualdade
Onte, día das Letras Galegas na nosa comunidade, foi tamén un día sinalado para a revisión dos dereitos das mulleres no mundo, por mor da inauguración en Copenhague da Conferencia Women Deliver, que está a ter lugar na cidade europea ata o vindeiro xoves 19 de Maio. Nela trátase o benestar das nenas e mulleres facendo especial mención á saúde, educación e á igualdade de xénero.
A finais de abril deste mesmo ano, EE.UU. fixo pública a decisión de facer para o ano 2020 os primeiros billetes coa imaxe dunha muller: Harriet Tubman, escrava e liberadora de escravos. Muller e de raza negra, non tivo a penas dereitos como persoa. A súa imaxe en papel moeda servirá, ademáis para conmemorar o 100 aniversario do dereito ó sufraxio das mulleres norteamericanas.
Ainda que son moitos os logros dende entón no eido da igualdade, aínda quedan moitas mulleres no mundo que sofren discriminación. Moitas delas seguen a ser tratadas como escravas, se non pola súa raza, sí como obxecto de explotación sexual. Onte coñecimos a nova da liberación de cinco mulleres que exercían pola forza a prostitución nun barrio de Sevilla.
Traballaban 24 horas ó día, vixiadas para que non puidesen escapar, sen contacto co exterior e sen documentación.
A arte e as letras de todas as comunidades son un elemento importantísimo na loita polo trato igualitario de homes e mulleres.
Nun aniversario coma o de onte no que lembramos dun xeito especial o poeta Manuel María está sempre presente o espíritu de Rosalía de Castro que, dun xeito especial, encarnou a loita da muller por unha sociedade mellor para todos, porque o trato igualitario máis que unha loita só de mulleres ou feminista é, penso eu, unha cuestión de Dereitos Humanos.