Beatriz Suárez-Vence Castro
A nosa Valedora
O pasado 18 de maio tivo lugar na Casa das Campás un encontro entre os pontevedreses e a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, que ven ocupando o cargo dende setembro do ano pasado.
O valedor do pobo é o defensor dos dereitos dos cidadáns fronte as administración públicas. Fai un labor de intermediario entre o particular e o correspondente órgano administrativo. Calquera reclamación cidadá ten cabida na súa actuación. Malia a súa importancia e utilidade pública, xa que a intermediación nos conflitos non ten custo para o particular, era ata o de agora, unha grande descoñecida.
Otero Parga é catedrática de Filosofía do Dereito pola Universidade de Santiago e, entre a sua obra publicada, destaca o seu Estudios de Derechos Humanos, : introducción a los derechos humanos, objeción de conciencia y ética judicial. Ese interese polas persoas é o que a guía na súa intención de humanizar, asemade, a Institución e achegala ós cidadáns, porque como ela mesmo dí: "Non hai problema pequeno".
Certo é que moitas veces as persoas sentímonos indefensas fronte as Institucións Públicas, que semellan ter un funcionamento complicado de entender para o cidadán medio. As nosas queixas polos Servizos Públicos ou mesmo pola neglixencia na aplicación das leis parecen diluirse nos procedementos que resultan lentos e farragosos. Ás veces temos dúbidas de se os nosos requerimentos son de algunha utilidade e caemos no pensamento común de "total, non van facer nada". Pois co Valedor do Pobo de por medio, si que teñen a obriga de facer algo co noso. A maquinaria administrativa pode facer caso omiso da queixa dun particular pero nunca dun informe presentado polo Valedor, o que ten que respostar nun prazo establecido. Outra cousa é que o problema chegue a atopar a solución que queremos pero, cando menos, temos a seguridade de que vai ser atendido.
O equipo de Milagros Otero, no que figura a pontevedresa Cristina Fernández San Silvestre que atende, entre outras, as queixas correspondentes a expropiacións, obras públicas e desafiuzamientos, presentouse na nosa cidade, primeiro no Concello, con representantes públicos e despois na Casa das Campás, co firme propósito de dar a coñecer o cometido da Institución que representa é a sua utilidade para a cidadanía. Non quedou a sua intervención nunha simple e amable declaración de intencións, xa que como resultado da súa visita abríronse un total de 11 expedientes para outras tantas queixas presentadas e os seus froitos estanse a ver xa na zona de Estribela onde a Fonte dos Leóns, que quedara sen auga potable, está funcionando de novo. Demostra así a nosa valedora, na práctica, o que deixou sentado na sua comparecencia: "Escoitando e falando poden chegar a entenderse todos os que teñen a vontade de facelo".